17 de Novembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A delegada da Xunta en Lugo desprázase á Mariña para seguir os efectos do temporal

09-11-10

Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS DESPRAZOUSE Á MARIÑA PARA SEGUIR DE PRETO OS EFECTOS DO TEMPORAL, QUE OBRIGOU A DESPREGAR UN OPERATIVO DUN CENTENAR DE PERSOAS

* A delegada territorial mantivo un encontro con representantes da Confraría de Pescadores de Burela, aos que expresou as súas condolencias pola morte dun pescador ocorrida ao envorcar a súa embarcación

Lugo, 9 de novembro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, desprazouse ata A Mariña para seguir de preto as incidencias que está a deixar o temporal. O seu primeiro punto de destino foi o porto de Burela, onde estivo acompañada polo alcalde, Alfredo Llano, e varios concelleiros da corporación municipal.

A delegada mantivo un breve encontro con representantes da agrupación de armadores e da Confraría de Pescadores, aos que manifestou o seu pesar polo tráxico accidente que custou a vida a un pescador, xa retirado, ao envorcar a súa embarcación.

O temporal obrigou a despregar na zona un operativo de preto de 100 persoas, entre persoal dos concellos, de Protección Civil e do 112 da Xunta, que coordinou os labores de asistencia.

O corpo de J.R.F.F., de 74 anos, foi atopado pasadas as once da mañá de hoxe, despois de que presuntamente un golpe de mar o abatese cando se atopada no seu bote. O falecemento deste pescador xubilado foi a nota tráxica dunha xornada que, ademais, está a deixar diversas estruturas danadas na Mariña.

Así, a delegada puido constatar que no pavimento das instalacións portuarias de Burela se abriran algunhas gretas, aínda que en xeral non resultaron con danos de consideración.

Arias visitou tamén o porto de San Cibrao xunto co alcalde de Cervo, Alfonso Villares. Neste punto, o mar destrozou parte da escollera de protección do dique, afectando tamén aos tellados de dous departamentos e algún portalón así como ao paseo marítimo. No peirao o temporal derrubou un tramo do dique de abrigo do porto que mide arredor de 30 metros de largo.

En Ribadeo e no Vicedo resultaron afectados os pantaláns deportivos, mentres que en Rinlo veuse abaixo unha caseta utilizada polos mariñeiros e rexistráronse considerables desperfectos noutras dúas.

A delegada estivo dende a primeira hora da mañá en contacto cos alcaldes das zonas afectadas e cos servizos de emerxencias da Xunta de Galicia. Durante a visita aos concellos mariñaos estivo acompañada polo xefe territorial de Mar, Vicente Prieto.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive