21 de Xullo de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Adega explica que a Xunta usa a lei de acompañamento para modificar a protección do chan rústico

02-11-10

Nota de Prensa

A Xunta dinamita a protección do chan rústico nas leis do Solo e do Territorio

2 de novembro de 2010. Malia á propaganda das DOT e o POL, a estratexia da Xunta de acoso e derrubo ao territorio protexido estase a executar silandeiramente. Desta volta aproveitando o caixón “de-sastre” da lei de acompañamento dos orzamentos de 2011, o PP pretende modificar a Lei do Solo (9/2002) e a Lei de Ordeamento do Territorio (10/1995). A chamada “lei de acompañamento” é un instrumento profusamente usado na era Fraga para modificar ás caladas lexislación varia, e que por exemplo, a Aznar valeulle para asestar en 2002 un machetazo á Lei de Costas que abríu a porta á especulación co litoral. Desta volta, Feijóo pretende suprimir 6 categorías de chan rústico especialmente protexido (infraestruturas, augas, costas, espazos naturais, paisaxe e patrimonio) e eliminar a protección neste chan para permitir o desenvolvemento de proxectos sectoriais.

Na devandita lei de acompañamento (Lei de Medidas Fiscais e Administrativas) atopámonos que na súa páxina 40, artigo 17, introdúcese unha modificación trascendental do artigo 32.2 da lei 9/2002. Velaí o artigo 17:

Artigo 17º.-Solo rústico protexido.
Un.- Modifícase o punto 2 do artigo 32 da lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que queda redactado como segue:
“2. Solo rústico especialmente protexido, constituído polos terreos que polos seus valores agrícolas, gandeiros, forestais, ambientais, científicos, naturais, paisaxísticos, culturais, suxeitos a limitacións ou servidumes para a protección do dominio público ou doutra índole deban estar sometidos a algún réxime especial de protección de acordo co disposto neste apartado.
Dentro deste tipo de solo rústico especialmente protexido distinguiranse as seguintes categorías:
a) Solo rústico de protección agropecuaria, constituído polos terreos de alta produtividade agrícola ou gandeira, posta de manifesto pola existencia de explotacións que a avalen ou polas propias características ou potencialidade dos terreos ou zonas onde se enclaven, así como polo terreos obxecto de concentración parce laria a partir da entrada en vigor da Lei 9/2002 e polos terreos concentrados con resolución firme producida no dez anos anteriores a esta data, salvo que haxan de ser incluídos na categoría de solo rústico de protección forestal.
No entanto, o plan xeral poderá excluír xustificadamente desta categoría os ámbitos lindeiros sen solución de continuidade co solo urbano ou cos núcleos rurais que resulten necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, que serán clasificados como solo urbanizable ou incluído na delimitación dos núcleos rurais, respectivamente.
Excepcionalmente, a través dos procedementos previstos na lexislación de ordenación do territorio, poderán autorizarse, pola Consellería competente por razón do contido do proxecto, as actuacións necesarias para a implantación de infraestructuras, dotacións e instalacións nas que concorra unha causa de utilidade pública ou interese social que sexa prevalente a calquera outra preexistente .
b) Solo rústico de protección forestal, constituído polos terreos destinados a explotacións forestais e os que sustenten masas arbóreas que deban ser protexidas por cumprir funcións ecolóxicas, produtivas, paisaxísticas, recreativas ou de protección do solo, e igualmente por aqueles terreos de monte que, aínda cando non sustenten masas arbóreas, deban ser protexidos por cumprir as ditas funcións e, en todo caso, polas áreas arbóreas formadas por especies autóctonas, así como por aquelas que sufrisen os efectos dun incendio a partir da entrada en vigor da presente lei ou nos cinco anos anteriores á mesma. Igualmente, considérase solo rústico de protección forestal aquelas terras que declare a administración competente como áreas de especial produtividade forestal e os montes públicos de utilidade pública.
Excepcionalmente, o plan xeral poderá excluír desta categoría as áreas sen masas arboredos merecedores de protección, lindeiras sen solución de continuidade co solo urbano ou cos núcleos rurais, que resulten necesarias para
o desenvolvemento urbanístico racional.
Excepcionalmente, a través dos procedementos previstos na lexislación de ordenación do territorio, poderán autorizarse, pola Consellería competente por razón do contido do proxecto, as actuacións necesarias para a implantación de infraestructuras, dotacións e instalacións nas que concorra unha causa de utilidade pública ou interese social que sexa prevalente a calquera outra preexistente.”

E a redacción orixinal deste artigo 32.2 era a seguinte:

Artigo 32º.-Categorías.
2. Solo rústico especialmente protexido, constituído polos terreos que polos seus valores agrícolas, gandeiros, forestais, ambientais, científicos, naturais, paisaxísticos, culturais, suxeitos a limitacións ou servidumes para a protección do dominio público ou doutra índole deban estar sometidos a algún réxime especial de protección incompatible coa súa transformación, de acordo co disposto neste apartado.
Dentro deste tipo de solo rústico especialmente protexido distinguiranse as seguintes categorías:
a) Solo rústico de protección agropecuaria, constituído polos terreos de alta productividade agrícola ou gandeira, posta de manifesto pola existencia de explotacións que a avalen ou polas propias características ou potencialidade dos terreos ou das zonas onde se enclaven, así como polos que sexan obxecto de concentración parcelaria a partir da entrada en vigor desta lei ou o fosen nos dez anos anteriores a esta data, agás que deban ser merecedores doutra protección. Consideraranse tamén solo rústico de protección agropecuaria as áreas de cultivo libres de edificación de extensión maior de 10 hectáreas.
b) Solo rústico de protección forestal, constituído polos terreos destinados a explotacións forestais e os que sustenten masas arbóreas que deban ser protexidas por cumprir funcións ecolóxicas, productivas, paisaxísticas, recreativas ou de protección do solo, e igualmente por aqueles terreos de monte que, aínda cando non sustenten masas arbóreas, deban ser protexidos por cumpri-las ditas funcións e, en todo caso, polas áreas arbóreas formadas por especies autóctonas, así como por aquelas que sufrisen os efectos do lume a partir da entrada en vigor desta lei ou nos cinco anos anteriores a ela. Igualmente considéranse solo rústico de protección forestal aquelas terras que declare a administración competente como áreas de especial productividade forestal.
Tamén quedan incluídos nesta categoría os montes públicos e os montes veciñais en man común, en tanto non se declare a súa desafectación pola administración competente.
c) Solo rústico de protección de infraestructuras, constituído polos terreos rústicos destinados á localización de infraestructuras e as súas zonas de afección non susceptibles de transformación, como son as de comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme as previsións dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio.
d) Solo rústico de protección das augas, constituído polos terreos, situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano, definidos na lexislación reguladora das augas continentais como leitos naturais, ribeiras e marxes das correntes continuas ou descontinuas de auga e como leito ou fondo das lagoas e encoros, terreos inundados e zonas húmidas e a zona de servidume. Así mesmo, incluiranse nesta categoría as zonas de protección que para tal efecto delimiten os instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio que se estenderán, como mínimo, á zona de policía definida pola lexislación de augas, agás que o plan xustifique suficientemente a reducción. Igualmente terán a dita consideración os terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano, con risco de inundación, e aqueles baixo os cales existan augas subterráneas que deban ser protexidas.
e) Solo rústico de protección de costas, constituído polos terreos, situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano, que se atopen a unha distancia inferior a 200 metros do límite interior da ribeira do mar.
Excepcionalmente, logo do informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, o plan xeral de ordenación municipal poderá reducir por razóns cumpridamente xustificadas a franxa de protección ata os 100 metros contados desde o límite interior da ribeira do mar.
f) Solo rústico de protección de espacios naturais, constituído polos terreos sometidos a algún réxime de protección por aplicación da Lei 9/2001, de conservación da natureza, ou da lexislación reguladora dos espacios naturais, a flora e a fauna. Igualmente terán a dita consideración os terreos que os instrumentos de ordenación do territorio, as normas provinciais de planeamento ou o planeamento urbanístico consideren necesario protexer polos seus valores naturais, ambientais, científicos ou recreativos.
g) Solo rústico de protección de interese paisaxístico, constituído polos terreos lindantes coas estradas e demais vías públicas, exteriores ós núcleos rurais e ó solo urbano, que ofrezan vistas panorámicas do territorio, do mar, do curso dos ríos ou dos vales, dos monumentos ou edificacións de singular valor, así como os accesos a fitos paisaxísticos significativos e os propios fitos.
h) Solo rústico especialmente protexido para zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico, que estean previstas no planeamento ou na lexislación sectorial que lles sexa de aplicación.
i) As demais que se determinen regulamentariamente.

Isto significa non que só desaparecen 6 categorías de chan rústico especialmente protexido, senón que nas que quedan (protección agropecuaria e forestal) permítese a urbanización discrecional por parte dos concellos e a ocupación por infraestruturas, dotacións e instalacións de interese público (lóxicamente, a criterio da Xunta). A este respeito, e para non deixar dúbidas, esta indecente “lei de acompañamento” modifica tamén a Lei  19/95 de Ordeamento do territorio. Así no artigo 18 dise:

Artigo 18º.-Proxectos sectoriais de parcelación urbanística.
Modifícase o punto 7 do artigo 23 da Lei 10/1995, de 23 de novembro, de Ordenación del (sic) Territorio de Galicia, que queda redactado como segue:
“7. Os proxectos sectoriais que impliquen a transformación e parcelación urbanística do solo deberán conter, ademais das determinacións esixidas neste artigo, as que se indican no artigo 66 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia. Cando ditos proxectos afecten a terreos que, de conformidade coa lexislación urbanística, deban ser clasificados como solo rústico de especial protección, esixirase o informe favorable do Organismo que ostente a competencia sectorial por razón do correlativo valor a protexer.”

A redacción orixinal deste epígrafe 7 era a seguinte:

Os proxectos sectoriais que impliquen a transformación e parcelación urbanística do solo deberán conter, ademáis das determinacións esixdas neste artícgo, as que se indican no artigo 66 da Lei 9/2002, de 30 de diciembro, de ordenación urbanística e protección del medio rural de Galicia. Ditos proxectos non poderán afectar a terreos que, de conformidade coa lexislación urbanística, deban ser clasificados como solo rústico de especial protección.

Isto significa que, no que queda de chan rústico de especial protección (agropecuario e forestal), a Xunta teña vía libre para aurtorizar proxectos sectoriais construtivos (Barreiros) e industriais (piscifatorías, parques eólicos, encoros, polígonos industriais…). Para ADEGA este novo chanzo na especulación co territorio non nos colle de sorpresa. Trátase pois do penúltimo asalto dun governo “deconstrutor” contra os valores sociais e naturais do territorio, iniciado hai uns meses coas modificacións da Lei do Solo para “abrandar” as condicións construtivas nos núcleos rurais. Agora o ponto de mira dos especuladores e os seus testaferros políticos están no chan rústico: milleiros de hectáreas de ríos, bosques, litoral, paisaxes, espazos histórico-arqueolóxicos, practicamente virxes abertos agora á especulación polo governo do PP.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive