19 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Presentaron o libro “O clamor da rebeldía”, de Pilar García Negro, no Museo do Mar en San Cibrao

12-11-10

NOTA DE PRENSA

ANTONIO VEIGA ASISTIU Á PRESENTACIÓN NO MUSEO DO MAR DO LIBRO “O CLAMOR DA REBELDÍA”, DE PILAR GARCÍA NEGRO

O acto, que se suspendeu o pasado martes por causa do mal tempo, enmárcase  nas actividades complementarias á mostra que permanece no Museo do Mar ata o domingo

CERVO, 12 de novembro de 2010. O acto de presentación do libro de Pilar García Negro, “O clamor da Rebeldía. Rosalía de Castro: Ensaio e Feminismo”, que ía ter lugar o pasado martes no Museo do Mar de San Cibrao e se suspendeu por causa do mal tempo, celebrouse esta tarde coa asistencia de Antonio Veiga, delegado de Cultura da Deputación de Lugo. Enmárcase nas actividades complementarias da exposición “Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!”, que permanece no Museo do Mar de San Cibrao dende o pasado martes día 2 e ata o vindeiro día 15.

O libro “O Clamor da Rebeldía. Rosalía de Castro: Ensaio e Feminismo”, de Pilar García Negro, deita unha nova mirada sobre Rosalía, salientando o seu papel pioneiro “no espertar dunha conciencia de xénero que se revela, lúcida e recorrente, na reflexión profunda e avanzada obre o ser muller”. Acaeralle daquela o carácter de primeira feminista galega, do mesmo xeito que a condición de moderna pensadora, visionaria, pioneira, heterodoxa, independente e aínda revolucionaria.

Co gallo do 125 aniversario da escritora, dende a fundación Manuel María de Estudos Galegos e coa colaboración da Área de Cultura da Deputación, chegou a Lugo e posteriormente a San Cibrao a mostra itinerante “Rosalía, Sempre Viva. Viva Rosalía!”. A exposición fai un percorrido polas diferentes vertentes da vida e obra de Rosalía de Castro, e así nos mostra a unha Rosalía culta, revolucionaria, feminista, universal e que foi fundadora da literatura galega contemporánea.  Está conformada por vinte paneis con gráficos e textos que repasan os aspectos máis relevantes da vida e obra da escritora, realizada cunha grande seriedade e rigor e acompañada de recursos audiovisuais que permiten que o público interactúe cos seus distintos elementos. Ten o obxectivo tamén de aproximar a figura da grande escritora a concellos, asociacións culturais e centros de ensino. O primeiro dos audiovisuais que acompañan a mostra leva o mesmo título que a exposición e condensa en seis minutos os valores da obra rosaliana. O segundo é “Ignotus”, unha animación en plastilina de 16 minutos de duración, feita sobre o texto de Manuel Murguía que leva o mesmo título.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive