19 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Adega pide colaboración para facermos un Nadal 2010 máis verde e bio-diverso

20-12-10

Nota de prensa

QUE O NADAL NON DANE A BIODIVERSIDADE

Colabora para facermos un Nadal 2010 máis verde e bio-diverso

Compostela, Nadal de 2010. O 2010 foi o ano da biodiversidade e da crise económica e ambiental. Dende hai algún anos, ADEGA desenvolve nestas datas campañas relacionadas con diversos aspectos do Nadal: “Neste Nadal… os meus agasallos sen pilas”, “Carta das raíñas magas” ou “Por un Nadal máis ecolóxico” foron algunhas das iniciativas que invitaban a reflexionar sobre a importancia da contención do consumo no Nadal. Animamos á cidadanía neste 2010 a afrontar as festas e o vindeiro ano con espírito ecoloxista. Malia á crise, as previsións de consumo nestas datas non son moi diferentes ás de outros anos. Mais o realmente certo é que o ecosistema Terra si está en crise dende hai tempo. Non podemos sacrificar o ambiente en prol dun progreso consumista e espoliador. Outra maneira de vivir é precisa se queremos conservar a riqueza común que é a biodiversidade. Eis algúns consellos para que o noso comportamento nestas festas non contribúa a deteriorar o noso patrimonio natural.

A celebración do solsticio de inverno ou da festa relixiosa converteuse para a maioría nunha festa do consumismo. Na sociedade actual somos representados como cidadáns consumistas, que en decembro exaltamos esta faceta de xeito que este podería ser tamén o “mes do orgullo consumista”. No entanto, cada vez somos máis o que opoñémonos a esta esquizofrenia das compras superfluas.

É probable a crise económica contribúa a reducir o impacto, pero o ambiente leva décadas clamando por unha redución no ritmo de consumo de recursos naturais. Constátase un gasto de enerxía superior ao necesario, unha produción de residuos esaxerada, o aumento do uso do transporte privado, o incremento de emisións de efecto invernadoiro e da contaminación en xeral… Son estes os síntomas de unha sociedade en perigo.

A conservación da natureza e da súa diversidade, precisamente neste Ano Internacional da Biodiversidade, pasa polo seu coñecemento e respecto, tamén en épocas festivas. Velaquí algúns consellos para que durante estas festas, os nosos comportamentos non contribúan aínda máis a degreadar o noso patrimonio natural:

-De agasallar mascotas (millor en adopción procedente dun refuxio de animais) ou plantas, hai que ter en conta que a persoa á que vai destinada será a responsábel de coidala axeitadamente todo o ano. Poderá?…  Con todo, procurar evitar agasallos de animais ou plantas exóticas porque poden provir de ecosistemas en perigo. Ademais,  a súa liberación fortuita ou benintencionada no noso ambiente pode causar graves danos á biodiversidade autóctona.

-Na nosa mesa mellor produtos locais e de tempada, sen esaxerar en cantidade para non ter que tirar despois a comida. Evita aqueles alimentos que percorreron moitos Kms até o noso prato procedentes de monocultivos en zonas taladas de bosque tropical, como son as ananas, ou ben de ecosistemas fráxiles, como o caso da cría de lagostinos nos manglesais. Innova este ano e muda de menú, compra produtos ecolóxicos e de comercio xusto.

-Non espolies o monte, evita arrincar seres vivos para os adornos naturais. Especies como o acivro ou a xilbardeira (ruscus) foron comunmente arrincados para este fin. Mellor que eles fiquen no medio natural e nós botémoslle imaxinación á hora de engalanar a casa.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive