Burela, 19 de decembro de 2013.- Un grupo de 50 alumnos e alumnas do CEIP Vista Alegre, acompañados polos seus mestres e por membros da Asociación de Nais e Pais de Alumnos deste centro, protagonizaron xunto cos usuarios da Residencia de Maiores de Burela a primeira das xornadas dunha actividade interxeracional impulsada pola Xunta de Galicia.
Os alumnos e os residentes levaron a cabo distintas as actividades culturais propias do Nadal que tiveron como centro de acción a residencia dependente da Consellería de Traballo e Benestar.
Así, os escolares cantaron un repertorio de panxoliñas tradicionais, mentres que o grupo de teatro da residencia burelesa escenificou unha sesión de contacontos sobre a figura do Apalpador.
Máis alá do programa de actos, o encontro serviu para que nenos e maiores compartiran lembranzas e historias en torno ao Nadal. Neste sentido, o impulso da Xunta a este tipo de actividades ten como obxectivo manter ás persoas maiores integradas na sociedade, polo valioso capital que achegan e porque é necesario que poidan compartir os seus coñecementos coas xeracións máis novas.
Os usuarios da Residencia de Maiores repetirán a experiencia mañá, venres, pero esta vez serán eles os que se trasladen ao CEIP Nosa Señora do Carmen para participar no festival de Nadal deste centro co seu contacontos sobre o Apalpador.
A Residencia de Maiores de Burela, dependente do departamento autonómico de Traballo e Benestar, conta na actualidade con preto de 90 prazas, das que 32 están reservadas para persoas con dependencia.