CERVO, 30 DE XULLO. Este xoves, 31 de xullo, terá lugar no Concello de Cervo un pleno no que os socialistas destacan que “trataremos única e exclusivamente preocupacións e iniciativas nosas. Por unha banda, a moción presentada sobre a retirada da Lei Orgánica do Poder Xudicial instando á Xunta de Galicia a que defenda os nosos intereses e por outro lado, a adopción de maneira inmediata dun Plan de Apoio á Alimentación Infantil”.
“Ésta non é máis que outra mostra da deixadez e falta de iniciativa que levamos denunciando durante anos” engaden os socialistas. “Unha proba da inoperancia e pouco esforzo que día a día amosan os populares que gobernan o noso Concello”.
Os membros do PSOE de Cervo insisten en que “a pesares de celebrar os plenos ordinarios cada dous meses e saber de antemán o día e a hora de cada un por estar establecido así en acordo plenario, o equipo de Villares é incapaz de planificar unha orde do día con propostas de goberno e actuacións que acaben beneficiando o conxunto dos nosos veciños e veciñas”.
Non entenden cómo é posible que non plantexen nin unha soa proposta “a non ser que o motivo sexa a falta de adicación ó Concello ou o que sería peor, que consideren que todo está ben. Tanto os veciños como o concello teñen moitas necesidades por cubrir e sempre hai algo que facer para mellorar a súa calidade de vida. Parece que o Partido Popular se esquece disto”.
Agardan alomenos que “apoien as nosas iniciativas, pois están pensadas para defender os dereitos adquiridos e o benestar de tódolos cervenses”.