17 de Novembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PXOM “está vivo e é legal a todos os efectos” segundo o alcalde de Ribadeo

29-12-14

Ribadeo, 29 de decembro de 2014. Desde hoxe o PXOM de Ribadeo está vivo e é legal a todos os efectos, segundo ven de asegurar o alcalde, Fernando Suárez, que subliña que “Ribadeo é un dos poucos concellos do país da súa dimensión en ter un PXOM aprobado e acorde coas leis vixentes”. Este 29 de decembro o Boletín Oficial da Provincia publica a normativa e as ordenanzas do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O rexedor dixo que “no día de hoxe o Boletín Oficial da Provincia publica a normativa e as ordenanzas do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Con iso damos cumprimento á orde da Xunta de Galicia de hai unhas semanas, na que ordenaba que isto fora efectivo para poder dicir xa que o novo PXOM de Ribadeo cobra vixencia e a partir de hoxe está vivo e legal a todos os efectos”.

Suárez Barcia sinalou que “enterramos por fin o plan do 77, que era antiquísimo, preconstitucional e que deu unha chea de problemas e enfocamos o futuro máis inmediato e a longo prazo con moita esperanza e ilusión con este Plan Xeral de Ordenación Municipal, que contou co apoio de case todos nesta Corporación, que deu un traballo ímprobo durante varias Corporacións, esta e a anterior sobre todo, e que contou tamén co apoio da Xunta de Galicia”.

O alcalde subliñou que “por fin Ribadeo é dos poucos concellos do país da súa dimensión en ter un Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado e acorde coas leis vixentes. Esperemos que sexa para ben e a partir de agora supoño que haberá moita xente, como xa ocorre estes días, que está vindo ao Concello para preguntar como pode facer para construír unha vivenda ou para outras cuestións lexítimas, que con todo o dereito poden facer, pero que ata este momento non era posible por ter vixente un plan moi vello que non cumpría coas expectativas do que a xente demandaba”.
Para Fernando Suárez “é unha moi boa noticia para rematar o ano, da que nos congratulamos en Ribadeo todos e todas”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive