O dramaturgo valadourés Xesús Pisón será quen lea os seus textos na “Ponte Literaria” do vindeiro mércores 26. A seguir, os asistentes participarán nun coloquio sobre as lecturas.
Esta segunda “Ponte Literaria”, do mesmo xeito que a celebrada a semana pasada, terá lugar na Ponte Vella de Frexulfe (O Valadouro), ás 18.00 horas.
Xesús Pisón é autor de máis dunha trintena de obras dramáticas; entre outros títulos podemos sinalar: O pauto, Ei Feldmühle!, Viva Peter Pan, Venenos ou Animal/Vacío. Da súa produción ensaística destacaremos: Memoria da Esfinxe ou Canción Mitoloxía da Nai no Valadouro, este último ensaio foi editado o pasado ano polo Seminario de Estudos do Valadouro.
Recibiu varios premios polos seus textos teatrais, e as súas creacións foron levadas á escena pola Escola Dramática Galega, a Compañía Luís Seoane ou o Clube Teatral Elsinor entre outras históricas entidades do teatro galego.
Foi, xunto a Isaac Ferreira e Manuel Lourenzo un dos coautores de Contos do Valadouro, unha magnífica compilación sobre a literatura oral do Valadouro.
Tamén ten feito incursións na literatura infanto-xuvenil ou participado en publicacións conxuntas, nomeadamente en revistas especializadas no eido dramático.