A Deputación de Lugo sorteará 30 pases de zona reservada para ver a Volta Ciclista a España 2016 ao seu paso pola provincia de Lugo. Así o comunicou o voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, que explicou que a Xunta de Goberno aprobou as bases que rexerán este sorteo, que terá lugar a vindeira semana. Trátanse de 15 entradas para Viveiro e outras tantas para Monforte de Lemos.
O prazo para formalizar as solicitudes comeza hoxe venres ás 16:00 horas e rematará na noite do domingo. Os interesados en participar deberán cubrir o formulario que se atopa en www.deputacionlugo.gal.
Santos Ramos subliñou que “queremos que os veciños e veciñas da provincia de Lugo poidan desfrutar deste fito histórico; democratizando e facilitando a participación da cidadanía en actos e eventos de carácter institucional”.
Sorteo
O luns, o persoal da comisión técnica validará as solicitudes e asignarán un número a cada un dos inscritos. O primeiro sorteo, no que se rifarán as entradas de Viveiro, terá lugar ás 12:00 horas, e o segundo, coas de Monforte de Lemos, ás 12:30. Os sorteos serán públicos e terán lugar no Salón Verde do Pazo de San Marcos. Ademais, seleccionaranse a outros inscritos que pasarán a lista de reserva. Logo do sorteo, técnicos provinciais poranse en contacto cos beneficiarios, para facerlles chegar a súa entrada.
Requisitos
Poden inscribirse no sorteo calquera persoa empadroada en calquera dos 67 concellos da provincia, maior de 18 anos. Cada inscrito, só terá a posibilidade de optar a un pase, salvo que o beneficiario queira ir acompañado dun menor. Se é así, a Deputación de Lugo ofreceralle un segundo pase. Os interesados poderanse inscribir en calquera dos dous sorteos máis só poderán obter unha entrada.