Lourenzá 18-7-18. Para o equipo de goberno do Concello de Lourenzá é unha mágoa ter que modificar a nota que pensaba publicar ante a renuncia á acta de concelleiro do
Sr. Rivas Rivas. Nesa nota, presumindo unha despedida elegante pola súa parte, agradeciamos a súa dedicación e o traballo realizado durante estes anos. Pero, en vista das declaracións feitas á cadea de radio “amiga”, vímonos na obriga de modificar esa nota para aclarar as opinións verquidas polo Sr. Rivas.
Primeiro aclarar que a decisión de que o Sr. Rivas percibira do Concello unha dedicación parcial foi unha esixencia súa. A maioría do equipo de goberno e dos membros da agrupación socialista estaba en contra.
Sobre o traballo desenvolvido polo Sr. Rivas non imos opinar, é algo coñecido polos traballadores do Concello e polos veciños e veciñas de Lourenzá. Incluso todo o mundo sabe onde despachaba o ex-concelleiro os venres, que era o seu día de adicación ao concello.
Denuncia o Sr. Rivas que non se conta coa súa opinión. Por suposto que a alcaldesa ten en conta a opinión de todo o seu equipo, pero as decisións finais ten que tomalas ela, que para iso é ela a última responsable.
O Sr. Rivas di que renuncia por ética, porque non quere cobrar por un traballo que non merece… De ser así, debera ter presentada a súa dimisión hai moito tempo e, se é por ética, pode devolverlle ao Concello o salario correspondente aos meses que non traballou. O Sr. Rivas dimite porque o pasado venres nunha reunión entre o equipo de goberno e a agrupación local do PSdeG-PSOE (á cal non asistiu) se decidiu retirarlle a concellería de obras e someter á consideración do Pleno municipal a eliminación da dedicación parcial.
Manifesta tamén o Sr. Rivas a súa intención de presentarse nas próximas eleccións municipais, incluso insinúa que pode repetir na candidatura socialista. Ese é un dereito que ten como cidadán e é moi libre de exercelo. Só dicirlle, para que non lle queden dúbidas, que na candidatura do PSOE de Lourenzá non terán cabida persoas que traizoan os principios e as ideas que nós defendemos.
Queremos facer constar outra vez a falta de profesionalidade da Sra. Carrera que non se molestou en contrastar a información nin coa alcaldesa nin con ningún representante do equipo de goberno. Unha vez máis demostra a súa ignorancia sobre a situación do Concello de Lourenzá informando de que o Sr. Dasilva segue como concelleiro non adscrito. Que saiba a Sra. Carrera que o Sr. Dasilva presentou no seu momento a súa renuncia á acta de concelleiro e que no pleno que se celebrará este xoves tomará posesión a concelleira que o substitúe. O substituto do Sr. Rivas tomará posesión previsiblemente no Pleno de setembro.
Por último, desde o equipo de goberno queremos transmitirlle aos nosos veciños e veciñas unha mensaxe de tranquilidade. O Concello segue funcionando sen problema e este equipo, coa alcaldesa Rocío López García á cabeza, seguirá traballando, cos seus acertos ou cos seus erros, pero poñendo sempre por diante os intereses e as necesidades dos nosos conveciños. Desde aquí avanzamos que nos próximos días empezarán as obras para renovar varias beirarrúas en Vilanova, pedindo desculpas polas molestias que se podan ocasionar.