22 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“O que ía facer o goberno local de Ribadeo desde 2015”, por Daniel Vega

29-01-19

Comezaba o programa de goberno do BNG de Ribadeo no 2015 pedindo o apoio aos veciños para un novo proxecto froito da experiencia acumulada e dicindo que era realizable. Trabucábanse, realizable sería pero non o levaron a cabo.
No apartado de economía prometían baixar os impostos e taxas municipais e creo que todos lembramos o susto que levamos cando vimos a factura do IBI. Agora estamos á espera da baixada no recibo do lixo, xa que a Xunta baixou o canon e obriga aos concellos a reflectir esta baixada nos recibos dos veciños.
Falaban tamén dunha Lanzadeira de Emprego: RIBADEO LAB. Quen pode dicirnos en que consiste? Non temos noticias dos resultados deste espazo para apoiar iniciativas con perspectiva de futuro. Ou é que non lles presentaron ningunha que mereza este cualificativo?
Nos terreos municipais do polígono industrial íase poñer en marcha un centro multiusos en colaboración con empresas para dar formación (onde está?) e tamén se ían establecer estratexias conxuntas de comercialización e promoción das empresas do pobo e unir esforzos para compartir provedores e rendibilizar os recursos. Que alianzas se conseguiron para beneficio dos nosos empresarios?
Como vai o Plan para lograr que a praia de as Catedrais sexa declarada Parque Natural? que fixo o concello para preservar esta paraxe?
No seu programa recoñecían que a Praza de Abastos precisaba dunha segunda fase de reforma (a anterior fixéraa o goberno municipal do PP) pero cremos que non chega con lavarlle a cara cunha man de pintura. Precisa reformas e traballo para facela máis rendible favorecendo o comercio de proximidade e implicando ós sectores produtivos.
Anunciaban a creación de postos de traballo no sector agro-gandeiro, pero a cousa pinta cada vez peor e non vimos o apoio do Concello por ningures. Onde está a proposta de posta en valor da Granxa Pedro Murias? Ben se deita que da Xunta xorden propostas porque se esperamos polas súas xa temos pechado a escola.
En canto ás ideas para o turismo, de sete puntos ningún ou case ningún. Menos mal que polo medio da lexislatura apareceu o Ribadeo Indiano e con isto xa estamos salvados! Do Ribadeo eventos, Ribadeo birding, … nada. Só queda o Ribadeo de Tapeo. O deseño de sendas para persoas con diversidade funcional, quixeramos velas. A ampliación das Aceas e o tratamento da zona de Lexoso, tampouco.
E non entendo como pretendían “Mellorar o aproveitamento da Ría para deportes náuticos, ornitoloxía e actividades de lecer”, quere dicir que haberá máis lanchas e máis paxaros? Igual si que os hai.
Para rematar a sección do turismo atopámonos con “Potenciaremos o turismo rural nas parroquias do interior”. Será o dos carteis do Camiño do encanto? Que non hai quen o entenda porque hai carteis que van un para cada lado (por exemplo preto da Ponte, que un indica cara a Arante e outro cara a Cedofeita, para dar opcións). Do Camiño de Santiago xa non falamos, porque os peregrinos son boa xente e poden con todo. As potencialidades turísticas do Camiño están tan explotadas no noso concello que para ver as pinturas da Ponte hai que contar con persoas voluntarias que as expliquen porque non hai visitas organizadas desde a Concellería de Turismo.

Daniel Vega (candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ribadeo)

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive