18 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta aclara que enviou hai máis dun ano os informes de patrimonio cultural e de conservación da natureza para o acceso á praia de Arealonga en Foz

16-08-19

 Lugo, 16 de agosto de 2019.- A Xunta de Galicia remitiu hai máis dun ano ao concello de Foz os informes sobre o acceso á praia de Arealonga tanto de Patrimonio Cultural como de Conservación da Natureza, e ambos dan vía libre para que se acometa a actuación.

Ante as recentes declaracións realizadas polo alcalde, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, aclarou que, de feito, o Servizo de Conservación da Natureza de Lugo pronunciouse en dúas ocasións sobre a obra en resposta a sendas consultas do concello.

Este departamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo en ambos escritos que a actuación proposta non requiría de autorización por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

En concreto, na última comunicación, do 15 de maio de 2018, exponse claramente que “a praia de Arealonga non se atopa dentro de ningún espazo natural protexido desta provincia, polo que para a construción deste acceso non sería preciso dispoñer de ningunha autorización do órgano con competencias en conservación da natureza”. Ademais, a consellería fai constar no escrito que xa enviara un informe similar o 22 de maio do 2017.

Polo que respecta á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que depende da Consellería de Cultura e Turismo, emitiu autorización para esta obra con data 3 de maio do 2018 e así llo remitiu ao concello.

Polo tanto, “os dous informes dos que presuntamente está pendente o concello para continuar co proxecto, deben obrar nas dependencias municipais hai case ano e medio”, afirmou o delegado.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive