25 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

CIG Saúde A Mariña denuncia as altas temperaturas que se rexistran no Centro de Saúde de Viveiro e que incumpre a normativa vixente sobre máximas autorizadas

14-08-19

 Burela a 14 de agosto de 2019. O sindicato CIG Saúde A Mariña denunciou que o Centro de Saúde de Viveiro están a rexistrar este verán unha temperatura media de entre 29 e 31 graos centígrados en determinadas consultas, o que incumpre a normativa legal vixente sobre as máximas autorizadas non só nun centro asistencial senón en calquera lugar de traballo.
Segundo o sindicato nacionalista galego, esta excesiva calor, que supera o máximo estimado para o risco de tensión térmica (a partir de 27º C), está a afectar a traballadores, pacientes e usuarios, e lembra que existe un risco potencial de desmaio por estas altas temperaturas.
O sindicato, puntualiza que, segundo a normativa legal vixente, a temperatura en centros onde se realicen traballos sedentarios propios de oficinas e tarefas similares deberá estar comprendida entre 17 e 27º C e naqueles onde se fagan traballos lixeiros entre os 14 e 25º C.
“Os profesionais levan tempo demandando unha solución para esta situación que se repite todos os veráns”, agrega CIG , ·da que asegura que é coñecedora polas canles oficiais a Xerencia de Lugo-Cervo-Monforte”.
O sindicato precisa que segundo o Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo dependente do Ministerio de Emprego, “unha temperatura inadecuada, e máis se é superior aos 27º C, pode producir catarros, molestias e incomodidade aos traballadores e traballadoras, afectando o seu benestar, á execución das súas tarefas e ao seu propio rendemento laboral”.
Lembran por último que a Xerencia de Atención Primaria dotou a este centro dunha serie de ventiladores “que non resolveron o problema e a calor é insoportable”.
Desde CIG Saúde A Mariña esixen á Xerencia de Lugo-Cervo-Monforte que cumpra a lexislación vixente en materia de prevención de riscos laborais e adopte as medidas correctoras oportunas para solucionar esta situación, “no caso contrario verémonos na obriga de presentar denuncia ante Inspección de Traballo”, conclúen.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive