18 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Deputación contrata a asistencia técnica aos Concellos para que cobren unha nova taxa ás compañías enerxéticas

23-08-19

 Lugo, 23 de agosto de 2019. A Deputación de Lugo avanza no proxecto pioneiro que ten en marcha co fin de que os Concellos da provincia poidan obter novos recursos económicos a través da aplicación dunha taxa ás compañías eléctricas e de gas polo uso que fan dos bens de dominio público para o transporte da enerxía. Para conseguir a implantación deste novo tributo municipal, a Deputación asinou xa o ano pasado un convenio de colaboración cos 53 concellos da provincia que decidiron sumarse a este proxecto, o que supón preto do 80% do total dos municipios lucenses.
O Presidente da Deputación, José Tomé, informou de que o paso dado este venres polo organismo provincial foi a aprobación na Xunta de Goberno da adxudicación do conxunto de traballos técnicos, económicos e administrativos que son necesarios para a aplicación da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local que fan as empresas de subministro eléctrico e gas. En concreto, as tarefas contratadas son as seguintes:
A confección de ordenanzas fiscais reguladoras desta taxa para os 53 concellos adheridos ao convenio.
A revisión e actualización dun inventario xa realizado pola Deputación das liñas de transporte de enerxía eléctrica de media e alta tensión.
A elaboración dun inventario das redes de transporte de gas.
A elaboración dos informes técnicos, xurídicos e económicos nos que se defina o procedemento para o cálculo da taxa.
A estimación dos ingresos que supoñerá a implantación da taxa para cada concello.
E o asesoramento pericial ante calquera posible recurso das compañías distribuidoras de enerxía afectadas pola nova ordenanza.
Estes servizos serán prestados pola UTE gañadora do contrato que saíu a licitación, integrada por Hijos de Valbuena y Ron SL e Iurislocalia LSP. O orzamento no que foi adxudicado o contrato é de 246.393,51€ e o prazo de execución é de 4 anos, aínda que durante os primeiros 8 meses, a adxudicataria terá que elaborar o inventario das afeccións das liñas eléctricas aos bens municipais de dominio público e o estudio técnico económico para a implantación da taxa.
“Este interesante e ambicioso proxecto é froito do noso compromiso coa máxima cooperación cos Concellos para que poidan mellorar e ampliar os servizos que prestan ós veciños e veciñas”, subliñou o Presidente.
Os 53 Concellos adheridos ao convenio impulsado pola Deputación para implantar a taxa ás compañías enerxéticas polo uso do dominio público son os seguintes: Abadín, Alfoz, Baleira, Barreiros, Baralla, Becerreá, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Cospeito, Chantada, O Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Xermade, Guitiriz, Guntín, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Pantón, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Riotorto, Rábade, Sarria, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro.
Remata a adxudicación dos desbroces
O Goberno rematou este venres coa adxudicación do servizo de desbroce das estradas provinciais. Dos 24 lotes nos que está dividido o contrato, adxudicáronse a metade nas dúas primeiras xuntas de goberno deste novo mandato, e quedaban tres, que se aprobaron hoxe. Son os seguintes:
Mondoñedo e Abadín: 69.615,99€. Fará os traballos a empresa Transformaciones Agrarias Os do Campo SL.
Negueira de Muñiz e Navia de Suarna: 74.061,68€. Adxudicado a Maikel López López.
Bóveda, A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos: 92.795,44€. Realizará as tarefas Desbroce y Jardinería Ancares SL.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a xustificación de 9 subvencións por un valor conxunto de máis de 18.600€ concedidas ao abeiro do Plan de Recuperación e Incorporación de Terras para a posta en Produción de Recursos Gandeiros. Con este programa, froito do compromiso da Deputación coa xeración de riqueza e emprego no rural potenciando o sector agrogandeiro, recuperáronse na edición do pasado ano 582has de terras abandonadas na provincia para poñelas en produción.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive