14 de Outubro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Llano responde ao BNG: “Aquí non se fixo para nada rexeitamento de ningún candidato a socorrista”

08-08-19

Burela, 8 de agosto, 2019. Alfredo Llano respondeu hoxe ás críticas do BNG relativas ao servizo de socorrismo. O rexedor manifestou que “en política non se acaba un de sorprender nunca porque se están dando manifestacións un día si e outro tamén da propia incapacidade e da mala intencionalidade que hai en moita xente que son responsables dalgún partido político como neste caso do Bloque Nacionalista Galego. ¿Cómo se pode dicir que nosoutros rexeitamos aspirantes a ser socorristas no noso Concello?. Hai que ter moito valor para dicir isto e moita desesperación no aspecto de querer chamar a atención dalgunha maneira porque senón é imposible, unha persoa normal non pode dicir isto nin de broma”.
O rexedor asegurou que “aquí non se fixo para nada rexeitamento de ningún candidato, aquí houbo un caso dunha persoa que chegou tarde e non puido entrar en prazo, polo tanto se non entra en prazo non cumpre as condicións que se determinan para ser socorrista no noso concello. Non podemos andar con ilegalidades. ¿Qué pretende o Bloque, qué fagamos ilegalidades? Que o diga textualmente, que pasa de toda a regulamentación, pasa de todas as bases e soamente se basea naquela decisión que pode tomar nun momento dado. Iso non pode ser”.
Llano engadiu que “eu como alcalde non rexeite absolutamente nada. Ao contrario, estivemos preocupados de buscar xente, de forma case persoal, que quixera participar no proceso de selección para ser socorrista, a través de xente que está traballando con nós ou que traballa noutros Concellos. Recorremos ao boca a boca. Hai que pensar, e aí o BNG podía tamén decidir algo, no ben común e ver como solucionamos o tema dos socorristas tanto na nosa comarca como no Concello de Burela. Xa estamos dando os pasos a través da Mancomunidade e dos propios Concellos co obxectivo de organizar cursos formativos para acadar o título homologado para poder ser socorrista. Iso é o que hai que ir facendo e non poñendo trabas nin confundindo á xente. Que pouca seriedade hai nesta xente, iso non pode ser”.
O alcalde insistiu en que “hai que cumprir sempre as bases, non se poden facer ilegalidades co único propósito de tratar de cubrir unha praza. Nosoutros damos todas as oportunidades e facemos as cousas da mellor maneira posible dando todas as garantías aos traballadores e ás praias para que teñan a seguridade requirida coas bandeiras azuis, o que non pode ser é esta pretensión de querer chamar a atención a base de querer discorrer algunha fórmula que pareza que nosoutros andamos rexeitando, é unha barbaridade. O que deben é poñerse a traballar e mirar que fórmulas pode haber, porque eles tamén tiveron algún exemplo na comarca de comportamento con determinados socorristas, polo tanto non sei que van sacar agora como se foran eles o punto de referencia de facer ben as cousas”.
O rexedor burelés pídelle ao BNG que “rectifique todo o que acaban de dicir porque toda a xente que nos coñece sabe que nosoutros non rexeitamos a ninguén para traballar, ao contrario damos todas as facilidades para que poida ser un traballo pagado dentro das nosas posibilidades e con todas as garantías laborais. Que vaian rectificando e senón non creo que lles sirva de moito todo o que están lanzando por aí na prensa”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive