15 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Do 16 ao 22 de setembro terá lugar a XIII semana europea da mobilidade en Burela, con novidades coma o concurso fotográfico os Beatles en Abbey Road… nun paso de cebra

12-09-19

 Burela, 12 de setembro de 2019. Do 16 ao 22 de setembro terá lugar a décimo terceira Semana Europera da Mobilidade en Burela. Esta edición, que organiza a Concellería de Medio Ambiente, chega con novidades coma o concurso fotográfico Os Beatles en Abbey Road… nun paso de cebra. O programa de actividades foi presentado hoxe polo alcalde, Alfredo Llano, e a edil Noelia Mª Ben.
Durante a semana haberá charlas nos centros de ensino impartidas pola DXT e por Gaia, volverán citas como Andando ao colexio e o circuíto de educación vial e desenvolveranse talleres de manualidades e pintacaras e de cociña infantil. Está programado un concurso de debuxo infantil para nenos e nenas ata 12 anos baixo o lema Camiña connosco, qué o eslogan desta Semana Europea da Mobilidade, con agasallos para os participantes.
Unha das novidades máis destacadas desta edición é o concurso fotográfico Os Beatles en Abbey Road… nun paso de cebra. Segundo explican desde a Concellería de Medio Ambiente “trátase de imitar a mítica imaxe dos Beatles, sacar unha foto e enviala por correo electrónica a gaia@burela.org xunto cos nomes dos participantes, DNI e un teléfono de contacto. O prazo para enviar as fotos remata o 22 de setembro ás dez da noite. A foto premiada recibirá como agasallo unha cea valorada en 100 euros no Contraste”.
A Semana Europea da Mobilidade culminará en Burela o 22 de setembro, coa celebración do día sen coches, e con moitas actividades que se desenvolverán ao longo da xornada na rúa Pardo Bazán, que estará pechada ao tráfico de 9 a 22 horas entre as interseccións das rúas Curros Enríquez e Eijo Garay. Ese día haberá unha Xeorruta polo Cantiño, xadrez, música, xogos deportivos ao aire libre, exposición, cine, etc…
Noelia Mª Ben agradece “a colaboración de todas as asociacións e de todas as persoas que ano tras ano nos apoian para desenvolver un programa tan amplo de actividades, que van desde o luns ata o domingo. Sen a súa axuda isto non sería posible”. E subliña que “somos un dos poucos Concellos galegos nos que celebramos a Semana Europea de Mobilidade durante sete días”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive