24 de Outubro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Este sábado continúa o proxecto Camiño Escena Norte co espectáculo “Bujiganga” en Mondoñedo

26-09-19

 Mondoñedo, 25 de setembro de 2019. Este sábado 28 de setembro chega a Mondoñedo unha nova función do proxecto Camiño Escena Norte, unha ambiciosa iniciativa de intercambio promovida polas asociacións de produtoras escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, que nos traerá varios espectáculos destas comunidades a territorio galego, e levará obras galegas a estoutras rexións seguindo o ronsel do Camiño Norte.

A función que se poderá ver en Mondoñedo é Bojiganga, que xa encheu o Auditorio de Ribadeo o pasado domingo. Trátase dun espectáculo dirixido por Sergio Gayol, de Teatro del Cuervo (a partir de 12 anos), que versa sobre unha compañía do século XXI trata de manter viva esa chama do teatro que parece non importar a ninguén máis. No espectáculo será o público o que asuma o papel do pobo, participando da historia dunha forma activa. E posteriormente haberá un debate sobre o que acabamos de ver

Despois de Mondoñedo a próxima función terá lugar en Lugo o 3 de outubro e Vilalba o 5. A continuación serán Arzúa, Sobrado dos Monxes e Compostela. Nestas localidades poderanse ver os espectáculos “Bojiganga” de Teatro del Cuervo; “Como ceniza blanca sobre una hoguera”, de La Tejedora de Sueños; “El viaje de Ulises”, de Teatro Gorakada; “La Novia del Viento”, de Ábrego Producciones; “Beatus, visiones del Apocalipsis”, de Espacio Espiral; e “Sagartu” de Hika Teatroa. Todos de libre acceso ata completar aforo.

Mentres en Galicia poderemos ver estes espectáculos astures, cántabros e vascos, dúas compañías galegas amosarán as súas últimas producións nestes territorios: elas son Baobab Teatro, con “Luppo”, e A Panadaría, con “Elisa e Marcela”. Ademais, Contraproducións estará en residencia en Euskadi.

Ademais, haberá máis actividades: o 9 de outubro, dentro do FIOT de Carballo terá lugar un encontro de dramaturgos/as das catro comunidades autónomas arredor das artes escénicas e a diversidade cultural. E tamén actividades de mediación arredor dos espectáculos para conectar co público, enriquecendo a experiencia espectáculo-espectador/a. Serán obradoiros previos de contextualización e encontros co público despois das funcións.

Camiño Escena Norte, o proxecto

Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos eidos das sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a reflexión.

Camiño Escena Norte xorde co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños e veciñas, dando a posibilidade ao público de ter acceso a producións escénicas doutros territorios ás que doutra maneira non accederían. Aproveitando esta ruta cultural e histórica que nos une dende hai séculos creamos un novo camiño de cultura con espectáculos de teatro e danza, encontros, obradoiros, xornadas ou residencias de creación, no que mostrar a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca.

Este proxecto está promovido polas asociacións de produtoras escénicas de cada unha das autonomías implicadas: Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi). Está apoiado en Galicia pola Xunta de Galicia a través de AGADIC, canda as deputacións da Coruña e Lugo e a Fundación SGAE.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive