24 de Outubro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Castro, O Atrio, A Pomba do Arco e a Asociación de Veciños de Vilaronte organizan unha viaxe polo patrimonio de Vilaronte

26-09-19

Foz, 27 de setembro, 2019. A asociación cultural O Castro, a asociación O atrio, a Asociación de Veciños de Vilaronte e a asociación A Pomba do Arco organizan o sábado 28 de setembro un roteiro por Vilaronte co obxectivo de divulgar os elementos de relevo do seu patrimonio e espallar aspectos da súa historia.

A actividade, organizada en parcería pola totalidade dos colectivos de Vilaronte, A Pomba de Arco e que conta coa colaboración da Delegación de medio rural e patrimonio do concello de Foz, dará comezo ás 16:00 horas no campo da feira da Espiñeira. Os participantes poderán visitar as antigas minas de ouro da zona, os restos das caleiras e da grande fabrica de cal da Goleta e coñecer a historia da importante relevancia económica do burgo. A Espiñeira nos anos finais do século XIX e comezos do XX foi un dos grandes pulmóns industriais e comercias do concello de Foz, onde destacaban a actividade mercantil ligada á feira e as comunicacións, os estaleiros de Barbeito, ou a mercantil Electra del Masma, propiedade da de Xosé Reimunde e Damían López.

A visita continuará no barrio das Charelas, auténtica xoia da arqueoloxía industrial, onde se conservan diferentes mostras do antigo complexo industrial impulsado por Damián López. A carón dos antigos serradoiros da compañía, destinado fundamentalmente á produción de táboa para ser utilizada nas explotacións mineiras de Asturias, atópanse aínda os talleres mecánicos da importante flota de camións da empresa, ás vivendas dos directivos, a enfermaría da fábrica e a caldeira de coxeneración empregada para ofrecer enerxía ao centro de traballo. No mesmo percorrido reparase nas múltiples mostras de arquitectura indiana conservadas en Vilaronte, que dan conta da importancia da emigración, nas primeiras décadas do século XX con destino a América e xa na segunda metade con dirección a Europa, particularmente a Franza.

O percorrido rematará coa visita a sé da antiga Casa do Concello de Vilaronte, á igrexa parroquial e ao lugar do castro. O concello de Vilaronte, formado polos núcleos de poboación que a día de hoxe conforman as parroquias de San Martiño de Mondoñedo e Vilaronte, manterase como axuntamento independente até 1839, momento no que se pasa a incorporar ao concello de Foz. Á volta de 1923 a veciñanza volve propoñer a súa constitución como municipio propio, ficando constituída como Entidade local menor de poboación dentro de Foz até 1929. Ao tempo os visitantes poderán algúns aspectos significativos do templo parroquia, onde destaca o campanario da mesma, financiado en 1846 polo barqueiro da Espiñeira Xosé Alonso Ramos, e a pía bautismal, datada no século VII e cuxa autoría corresponde a un obradoiro francés con diversos traballos documentados ao longo do Camiño de Santiago.

A actividade dará remate ás 19:00 h coa proxección no local da asociación cultural O Castro do documental Riquezas Lucenses. Riquezas Lucenses é un filme documental da autoría do cineasta madrileño Carlos Boué, gravado en 1946 sobre un guión do directivo da empresa de Damián López Ramón Talenti. A produción, financiada polo propio grupo empresarial, repasada a actividade desenvolta nas diferentes factorías do grupo, destacando as imaxes tomadas nos traballos dos serradoiros de Vilaronte, podéndose atopar nel a un número de veciños desta localidade que traballaron nas referidas empresas. Ao final da proxección, dunha duración dun vinte minutos, abrirase un coloquio sobre diversos aspectos da historia de Vilaronte.

As entidades convócante do acto desexan en primeiro termo convidar a toda a veciñanza de Vilaronte e do conxunto da Mariña nesta xornada de recuperación da memoria histórica da localidade. A fin de poder organizar axeitadamente o roteiro e máis a proxección do filme pregamos vos poñades en contando cos organizadoras do acto antes do 26 de setembro nos números de telefono 608-555-010 ou 636 587 098 xa que as prazas para actividade son limitadas.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive