21 de Outubro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello de Ribadeo ofreceu unha recepción a 5 deportistas cadetes do Club de Remo local polos éxitos obtidos neste 2019

09-09-19

 Ribadeo, 9 de setembro de 2019. O salón de plenos acolleu esta mañá a recepción ofrecida a cinco deportistas do Club de Remo de Ribadeo polos éxitos colleitados ao longo deste 2019. Trátase de Lucía Cotarelo Fernández, María Cociña López, Nerea Lago Cobas, Álex Fernández García e Sergio Molina Martín. Os cadetes estiveron arroupados polas súas familias e polos seus adestradores. Na recepción participaron o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz.
O rexedor salientou que “vemos que este club ten unha traxectoria moi importante. Renaceu non hai moito. Nos anos oitenta existía, desapareceu durante moitos anos e volveu renacer hai moi pouco tempo con moitas dificultades e problemas, pero dunha maneira sólida porque vemos que non vai a menos, senón todo o contrario, vai a máis”.
Suárez Barcia manifestou que “procuramos desde o Concello darlles todo o apoio que precisen, sabendo que moitas veces non é tan rápido como nos gustaría. Sei que durante varios anos estiveron duchándose en frío, que non sei si lles fixo máis fortes, ata que finalmente puidemos facer todas aquelas actuacións de dar un mínimo de dignidade cuns servizos, uns aseos e unhas duchas. Tamén sabemos que hai problemas coas mareas, que hai unha serie de incidencias que fan singular, para ben e para mal, a zona na que están”.
O alcalde subliñou que “valoramos moito que en tan pouco tempo e con directivos e directores de adestramento e de planificación puideran chegar a tan alto en tan pouco tempo. Ademais vemos que é unha tónica que empeza a ser habitual que teñamos que facer estes recoñecementos polos éxitos de ano a ano. A min enorgullécenme todos os deportes, pero singularmente estes que son duros, minoritarios, complicados, que non teñen horario senón os das mareas e da lúa, iso ten un plus engadido e polo tanto aquí volo queremos recoñecer e valorar”.
Suárez Barcia animounos a seguir practicando este deporte, pero sen deixar de lado os seus estudos.
O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, dirixiuse aos deportistas dicindo que “queremos agradecervos o esforzo e seguide así de fortes para levar o nome de Ribadeo por aí adiante”.
Os cinco deportistas recibiron outras tantas estatuíñas de recoñecemento. Álex Fernández polas medallas de bronce en 8+ e 4- cadete masculino, acadadas no Campionato de España de Remo, celebrado en Castrelo do Miño neste 2019; Sergio Molina pola medalla de bronce conseguida en 4- cadete masculino no Campionato de España de Remo, celebrado en Castrelo do Miño neste 2019; Lucía Cotarelo pola medalla de bronce 8+ cadete feminino acadada no Campionato de España de Remo, celebrado en Castrelo do Miño neste 2019; María Cociña polas medallas de bronce conseguidas en K8 e K4 cadete feminino acadadas no Campionato de España por Autonomías en Castrelo de Miño, pola medalla de bronce en 2x cadete feminino no Campionato de España de larga distancia en Castrelo de Miño, e pola medalla de bronce en 2x cadete feminino no Campionato de España de Remo Olímpico en Bañolas; e Nerea Lago pola medalla de ouro en remoergómetro cadete feminino acadada no Campionato de España de Ourense, pola medalla de bronce en K8 cadete feminino conseguida no Campionato de España en Castrelo de Miño, pola medalla tamén de bronce en 2x cadete feminino no Campionato de España de larga distancia en Castrelo de Miño e pola medalla de bronce en 2x cadete feminino no Campionato de España de Remo Olímpico en Bañolas.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive