25 de Xaneiro de 2021

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A lonxa de Burela acolleu a 140 alumnos de primaria nunha nova xornada ‘Peque Peixe’

27-11-19

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Burela, 27 de novembro, 2019. A lonxa de Burela acolleu este mércores unha nova xornada de ‘PEQUE PEIXE’, un proxecto que ten como obxectivo formar aos nenos na terminoloxía mariñeira e pesqueira en galego e está organizada pola Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo en colaboración con Armadores de Burela.
No acto participaron 139 nenos de 10 e 11 anos de 5º e 6º de Educación Primaria de catro colexios públicos da contorna: CEIP Virxe do Carme de Burela, CEIP Península da Paz de San Cibrao, CEIP Plurilingüe Número 1 de Foz e Colexio Plurilingüe Nosa Señora do Pilar de Foz.
A xornada comezou cunha visita á lonxa ABSA de Burela, onde os pequenos aprenderon a diferenciar as principais especies pesqueiras e as etiquetas do peixe fresco.
Xa no salón de actos de ABSA, os alumnos achegáronse ao mundo profesional do mar coa proxección de diferentes vídeos; coñecendo a importancia da pesca e o valor nutricional do peixe branco e azul.
A consultora galega Sinerxia Plus presentou as unidades didácticas “Peque Peixe” elaboradas para a idade de 10-11 anos e nas que se dan a coñecer aspectos como as profesións mariñeiras, as artes de pesca, a bioloxía do mar ou os tipos de peixes.
O SAN MARTIÑO AO FORNO TRUNFA ENTRE AS RECEITAS DOS ESCOLARES
Na parte final desta xornada de “Peque Peixe” o protagonismo foi para os propios alumnos, pois cada un dos colexios expuxo traballos sobre as especies de peixe máis habituais da lonxa de Burela.
E finalmente coñecéronse os finalistas do concurso “As Receitas de Peixe da Avoa” que os alumnos tiñan que ter presentado sobre algún dos produtos pesqueiros da frota burelesa. Entre as seis receitas finalistas había tres de pescada do pincho (á galega, con patacas panadeiras, en salsa verde con ameixas), unha de bonito (en marmitaco) e unha de peixe espada (con puré ao limón); pero a que finalmente recibiu o premio do xurado foi a receita de “San Martiño ao forno” que presentou Janet Villarino Vizoso, alumna do Colexio Nosa Señora do Pilar de Foz.
Esta acción está enmarcada no Plan de Producción e Comercialización 2019 de OPP Lugo e cofinanciada pola Xunta de Galicia e Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive