25 de Xaneiro de 2021

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Alumnado dos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón participa estes días no programa Eu quero ser coma

27-11-19

 Ribadeo, 27 de novembro de 2019. Alumnado dos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón participa estes días no programa Eu quero ser coma, co que a Concellaría de Igualdade pretende visibilizar ás mulleres e os seus logros ao longo da historia. O obxectivo é promover a igualdade entre as mulleres e os homes, sacando á luz referentes femininos, para que as nenas teñan aspiracións a ser o que lles guste e para que os nenos perciban que unha muller ten as mesmas capacidades que un home. Son 38 as persoeiras elixidas para achegarlle aos alumnos e alumnas dos centros de ensino ribadenses, entre as que se atopan varias ribadenses como Manuela Barreiro, Ana Ferradás e Meniñas da Saudade.
Desde a Concellaría de Igualdade e desde o CIM explican que “Eu quero ser coma é o título do proxecto no que vimos traballando desde o verán. A finalidade é visibilizar as mulleres e os seus logros ao longo da historia, os cales foron ocultados, silenciados como se elas non existisen. E clara é a máxima, o que non se nomea non existe”.
E sinalan que “con este proxecto queremos actuar de forma activa promovendo a igualdade entre as mulleres e homes, sacando á luz referentes femininos, modelos de mulleres para que elas se podan ver reflectidas, para que as nenas teñan aspiracións a ser o que lles guste e para que os nenos perciban que unha muller ten as mesmas capacidades que un home. Queremos que se fale das pioneiras, das precursoras, que se normalice e integre o papel que desempeñou o xénero feminino no transcurso da historia”.
Igualdade e o CIM engaden que “despois de varios meses de traballo, de elección das mulleres que conformarían o listado seguindo unha serie de criterios onde primara a diversidade de campos (o científico, literario, artístico, deportivo, …) e nos casos que foi posible tamén se incluíron mulleres galegas e algunhas de Ribadeo, como o caso da farmacéutica Manuela Barreiro, a atleta Ana Ferradás ou o grupo Meniñas da Saudade”.
En Eu quero ser coma fixouse un listado de 38 persoeiras (as científicas: a astrónoma Antonia Ferrín, a aviadora Amelia Earth, a astronauta Valentina Tereshkova, a primatóloga JaneGoodall, a programadora informática Ana Mª Prieto, a precursora do libro electrónico ÁngelaRuiz, a inventora da wifi HediLamarr e a farmaceútica Manuela Barreiro; as escritoras: Adela Turín, Astrid Lindgren, Gloria Fuertes, Begoña Caamaño, Gemma Lienas, Jane Austen, Marilar Aleixandre, Mª Victoria Moreno; deportistas como a futbolista Irene González, a tenista Billie Jean King, a alpinista Edurne Pasabán, a ximnasta artística Simone Arianne Biles, a nadadora paralímpica Teresa Perales, as atletas Kathrine Switzer e Ana Ferradás, a xogadora de hokey herba Mª Antonia Sanjurjo e a cilco viaxeira Annie Londonderry; as músicas como Sonia Alizadeh, NinaSimone, María Callas, Violeta Parra, Patti Smith, Xian Zhang e Meniñas da Saudade; as artistas: a pintora Leonora Carrington, a artista plástica Ana Mendieta, a escultora Loiuse de Bourgeois, a bailarina Michaela Deprince, a fotógrafa Ruth M. Andersen e Maruxa Mallo.
Segundo indican desde a Concellaría de Igualdade “estes nomes serán os que figuren nas aulas de Infantil e Primaria dos Colexio Público Gregorio Sanz e do Sagrado Corazón de Xesús. A aula xa non será 3º B, senón a aula de Gloria Fuertes”.
Unha vez elixidas as persoeiras, despois do traballo de investigación inicial procedeuse novamente a afondar nas figuras elixidas, a establecer cales eran máis acaídas para os diferentes cursos e a elaborar material didáctico e pedagóxico para facerllas chegar ao alumnado. Haberá unha ficha de recursos para cada profesor/a para que a traballen en sucesivos anos cos novos cursos ou para seguir afondando na figura.
Desde o CIM e desde Igualdade subliñan que “a cada nivel educativo se lle dan varios nomes e teñen que elixir na clase como queren que se chame a súa aula. A semana pasada desde o luns 18 ata o venres 22 de novembro desenvolvéronse un total de 18 sesións no Colexio Sagrado Corazón de Xesús dando a coñecer a estas precursoras. Esta semana desde o 25 de novembro ata o venres 29 levaranse a cabo outras 20 sesións, unha por aula no Colexio Público Gregorio Sanz. As sesións están a desenvolverse a través de contos, védeos, xogos de cooperación, etc. Son moi amenas xa que mediante o xogo se introduce a perspectiva da igualdade de xénero e se introducen referentes femininos tan escasos ás veces aínda nos manuais académicos”.
Este é o inicio, pero desde o Concello ribadense, “iremos desvelando como prosigue Eu quero ser coma, un proxecto no que estamos a contar coa colaboración do alumando de Plástica e de coeducación do IES de Ribadeo”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive