15 de Decembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Mariña moi presente en Córgomo Arte VIII “Sinapses”

02-12-19

 A Mariña, 2 de decembro, 2019. Córgomo Arte abrirá as súas portas novamente a partir deste vindeiro sábado 7 de decembro, ás 17 h. e A Mariña estará máis presente ca nunca neste certame de arte que se celebra en Vilamartín de Valdeorras.

Ó igual que nas anteriores edicións, en Córgomo Arte 8 “Sinapses” quixemos abrir unha nova reflexión sobre o mundo da arte, enfocándoo desta volta desde a súa dimensión máis social. Desde a nosa pequena tribuna, Córgomo Arte pretende poñer a arte ó servizo do colectivo, como un medio de visibilización dunha terrible realidade do noso tempo como son o Alzheimer e outras demencias. A arte quizais poida parecer algo superfluo cando se fala de temas tan duros coma este, pero tamén constitúe unha poderosa ferramenta de comunicación que nos permite poñer o debate enriba da mesa para poñerlle voz e desestigmatizar realidades tan sensibles coma estas, nas que as redes de apoio son esenciais.

A arte como forma de expresión é unha práctica empregada satisfactoriamente en terapias con enfermos de Alzheimer, porque lles facilita canles para a comunicación onde a palabra xa non chega. Por iso, para esta edición, contamos coa participación especial dos dez usuarios e usuarias de AFAN Burela (Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias), que coas súas terapeutas (Nerea Diaz Rey, terapeuta ocupacional, e Gema Fernandez Rey, psicóloga) e a a colaboración do artista plástico Martín Lestao, quixeron regalarnos un pedaciño da súa memoria en forma de obra de arte, un libro formado por páxinas que cada un deles foi enchendo de vida e de cariño. Desde a organización de Córgomo Arte, queremos agradecer a súa colaboración pero tamén queremos reivindicar e poñer en valor a importante labor que este tipo de asociacións fan a prol dos enfermos e das súas familias.

Esta obra non estará soa, senón que contará coas pezas creadas para a ocasión polos seguintes artistas: tamén desde A Mariña, Martín Lestao e Ignacio Castro “Nachok”; desde Sarria, Violeta Bernardo; Arturo Ceide e Crystilandia de Ribeira Sacra; Patricia Fernández Paz, desde Chantada; e representando á comarca de Valdeorras, Brais Fernández Vizcaya e os anfitrións da mostra, Victorino Núñez, “Torino”, e Manuel Conde.

A mostra permanecerá aberta ata o 6 de xaneiro de 2020, en fins de semanas e festivos de 10 a 22 h. Agardamos por todos vosoutros!

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive