13 de Xullo de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG constata que as deficiencias, abusos empresariais e mala praxis por parte da empresa concesionaria persisten no Centro de Día – Residencia de San Cibrao

13-01-20

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Cervo, 13 de xaneiro de 2020. O BNG cervense constatou que persisten os problemas na xestión que a entidade “Mensajeros de la Paz” realiza por concesión da Residencia – Centro de Día de San Cibrao, de titularidade municipal. Diego Fernández e Xorxe Caldeiro, concelleiros nacionalistas, acusan ao goberno local de desentenderse destas irregularidades, ignorando as graves consecuencias que sobre as usuarias/os e traballadoras/es do centro teñen a mala praxis empresarial, as deficiencias de uso das instalacións, o caos organizativo, os abusos sobre o persoal e a falta de atención das persoas usuarias.
Deficiencias detectadas na inspección da Xunta aínda sen resolver
Diego Fernández e Xorxe Caldeiro explican que unha inspección da Consellería de Política Social realizada en outubro, días despois de que o BNG denunciara no pleno municipal problemas de xestión, constatou a existencia de até 10 deficiencias. Segundo o informe, “entre as deficiencias nas instalacións, atopáronse con timbres de chamada de emerxencia inaccesíbeis en baños comúns e de residentes, baños xeriátricos inutilizados por usarse para almacenamento de diverso material no segundo e terceiro andar, portas de emerxencia pechadas con bridas imposibilitando o seu normal uso en caso de necesidade, ou dous cuartos de residentes pechados por filtracións de auga nos seus baños, a pesar de que existe demanda de prazas e están impedindo dar servizo a persoas que o necesitan”, relatan. Amais desas, destacan a gravidade de que tamén se detectaran “faltas de valoración sanitaria de persoas usuarias que sufriron caídas”. A dirección do centro alegou, na súa contestación á Consellaría o pasado 21 de novembro, que estas deficiencias xa estaban corrixidas. Non obstante, algunhas permanecen sen resolver.
Abusos da dirección sobre o persoal que podería afectar á atención das persoas usuarias
Os concelleiros nacionalistas tamén acusaron á dirección da empresa de “caos organizativo e de xestión dos recursos humanos”. Segundo explicaron, chama a atención que “dende a apertura do centro cambiou case a totalidade do cadro de persoal (maioritariamente mulleres), nuns casos por renuncias e noutros por despedimentos, o cal pon en evidencia a nefasta xestión de persoal da dirección, que segue sen realizar cadrantes de quendas con antelación suficiente para permitir a conciliación persoal e laboral das traballadoras, dificulta e impide o desfrute das xornadas de libre disposición ás que se teñen dereito por convenio, toma represalias contra as traballadoras que demandan os seus dereitos e sobre todo, é incapaz de xestionar con eficacia as arredor de 30 persoas empregadas para crear un bo ambiente de traballo que poida transmitirse logo ás persoas usuarias a través duns coidados e atencións excelentes como as que se merecen”.
O Grupo Municipal do BNG presentará unha batería de preguntas no concello pedindo explicacións ao goberno local.
Por último, desde a formación nacionalista anunciaron a presentación dunha batería de preguntas no Concello co fin de verificar cal é o papel que xoga o goberno municipal neste desastre como titular das instalacións e administración máis próxima responsábel de velar polo bo funcionamento deste servizo. Diego Fernández acusou ao goberno municipal de “desentenderse da situación” desde o mes de outubro, cando a concelleira de Servizos Sociais Pilar Armada anunciara unha reunión co cadro de persoal como resposta ás denuncias que o BNG de Cervo realizara durante o pleno municipal. Porén, “tal reunión non se produciu, e os problemas que denunciamos no seu día seguen existindo e únenselles agora novos problemas”. O portavoz nacionalista insistiu en que o “Concello de Cervo ten que velar polo cumprimento da legalidade e as cláusulas da concesión por parte da empresa concesionaria, porque ademais de ser a súa obriga, no facelo ten consecuencias na calidade do servizo, concluíu Fernández.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive