12 de Xullo de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Alfredo Llano, fai unha chamada á unión para defender a continuidade de Alcoa na Mariña

27-05-20

 Burela, 27 de maio de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, fai unha chamada á unión para defender a continuidade de Alcoa na Mariña. E tamén aposta polo resto do tecido comercial, industrial e social.
O rexedor dixo: “agora mesmo, que estamos entrando na fase 2 e supoñemos que en pouco tempo se vai recuperar a posibilidade de circular polas catro provincias galegas, debemos preocuparnos colectivamente da cuestión socioeconómica. E sobre todo pensando aquí, na Mariña, hai que defender todos aqueles postos e aquela estrutura social e económica que está montada e que leva moito tempo permitindo vivir a moita xente dun soldo digno”.
Para Alfredo Llano: “agora mesmo hai moitas cuestións que preocupan, pero unha que está de actualidade é o tema de Alcoa. Mañá van ter unha reunión o comité de empresa con representantes de Alcoa, na que van falar do futuro da factoría. Debe ser un compromiso colectivo por parte daqueles que representamos á sociedade, tanto en Burela como no conxunto da Mariña, e estar todos xuntos para defender os postos de traballo, como é normal, de Alcoa na actividade produtiva. Así que o compromiso debe ser compartido e decidido para defender estes postos de traballo e reclamar a quen corresponda, tanto ao Goberno central como á Xunta de Galicia, e tamén a todos os Concellos da Mariña para apostar todos xuntos por manter estes postos de traballo e a actividade”. O alcalde burelés engadiu: “e ao mesmo tempo hai que pensar tamén no resto do tecido económico e social, como a pesca, o turismo, o comercio, a hostalería, etcétera; todo o que realmente mereza a pena poñelo a funcionar o antes posible e da mellor maneira. Hai que ter claro que debemos defendelo entre todos e apostar dunha forma clara, rigorosa e con garantías para ter confianza no futuro”.
Llano sinalou con respecto a Alcoa: “imos ver que sae desa reunión de mañá, pero é unha responsabilidade política e social apostar por manter esa actividade e reclamar onde haxa que facelo todo o que poida aportar algo positivo e que realmente asegure a continuidade desta empresa na Mariña. Iso é moi importante, igual que debemos estar atentos a todo o resto do tecido comercial, industrial e social”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive