10 de Xullo de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Os socialistas sinalan que o 12X hai unha oportunidade única para frear a política de recortes do PP

29-06-20

 Navia de Suarna, 29 de xuño de 2020. Luís Álvarez, candidato ás eleccións autonómicas pola provincia de Lugo criticou este luns “os desequilibrios territoriais que promoveu o Goberno de Feijóo na provincia. Hoxe, aquí na montaña lucense podemos comprobar o abandono e o desprezo do PP ao mundo rural. Temos que reverter esta situación e frear as políticas de recortes que do PP de Feijóo, Galicia necesita un novo tempo político”. Así o dixo en Navia de Suarna tras realizar unha visita co Alcalde, José Fernández.

“O vindeiro 12X temos a oportunidade de impulsar un novo modelo de país da man de Gonzalo Caballero. Por iso, non pode quedar na casa un só voto progresista que poida decidir un proxecto de futuro social que abra 2.000 prazas de maiores en residencias públicas, que convoque 5.000 prazas estables na sanidade. Un proxecto que impulse as políticas sociais, de igualdade e de protección, e que pase páxina de 11 anos sen política industrial nos que Galicia perdeu 70.000 postos de traballo”, avanzou Álvarez.

Pola súa banda o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, denunciou as carencias que sofre o Concello, mentres Feijóo seguen mirando cara outro lado. “É imprescindible a instalación dunha depuradora na vila, que levamos anos demandando, así como o arranxo da estrada LU-722 que une Navia a río de Pé, que accede a Asturias. Queremos vivir e traballar na Montaña Lucense, e necesitamos boas vías de comunicación, queremos ter os mesmos dereitos que os que viven nos grandes núcleos, nós tamén pagamos impostos”, advertiu.

Recortes no Plan de Camiños e Aprol Rural
Fernández tamén fixo alusión aos recortes no Plan de Camiños que Feijóo rebaixou nun 1 millón de euros na provincia. “Navia de Suarna recibe nesta última anualidade 17. 822 euros, cando no 2016 percibía 69. 671 euros, polo tanto houbo un recorte de 51.848 euros”. E tamén aludiu ao reparto caciquil e clientelar do PP co programa Aprol Rural 2020. “Fai un ano recibimos investimento para contratar a dous traballadores, e este ano, só nos concederon un. Esta é aposta do PP pola montaña lucense, recortes e ninguneo”. E insistiu nas súas criticas “durante esta crise do COVID os concellos estivemos completamente sos, a Xunta do PP non puxo enriba da mesa ningunha axuda económica para reactivar os concellos”.

Residencia
Pola contra o rexedor puxo en valor o traballo que se fixo desde a Deputación. “Que puxo a disposición do Goberno galego as instalacións das cinco residencias de atención a persoas maiores, entre as que se incluía a Navia de Suarna, para dispoñer delas en caso de necesidade de recursos ante a crise sanitaria. Unha residencia que se fixo con cero euros de investimentos do PP. Si hoxe desfrutamos desta dotación é porque goberna o PSdeG”, insistiu.

Visita a Cervantes
Luís Álvarez, xunto con membros candidatura Rosana Rielo, Manuel Marey, Alejandro Trashorras, realizou unha visita previa ao Concello de Cervantes xunto co Alcalde, Benigno Gómez. Nesta xornada estivo acompañado tamén polos voceiros da Comarca, Carmen Álvarez a Ana Rubinos e do Deputado no Congreso, Javier Cerqueiro.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive