09 de Agosto de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Por unha maioría de idade da humanidade: dereitos e deberes”, por Antonio Gregorio Montes

22-06-20

Ano 1948: Despois da IIGM tíñase claro que a guerra moderna e as novas posibilidades de tortura e escravitude facían necesarias regras para tentar evitar a deshumanización forzada dunhase persoas por outras persoas. Collendo a vella sentencia homo hominis lupus, non se trataba de evitar os lobos, senón de que se comeran os que consideraran cordeiros. De aí a Declaración Universal dos Dereitos Humanos (ligazón a Declaración nunha das linguas oficiais da ONU, o castelán: http://www.ohchr.org/EN/UDHR/Documents/UDHR_Translations/spn.pdf ).
Cincuenta anos máis tarde, no aniversario da data da Declaración, 10 de decembro de 1998, José Saramago lía o seu discurso na cea Nobel en Estocolmo. Nel, e vista a deriva das relacións humanas, e o avance dunha sociedade infantilizada fomentada por xente e institucións interesadas de xeito directo ou indirecto en manter a poboación calma, pasiva ou consumidora, propuxo unha carta universal, pero esta volta, de obrigas: “Foi-nos proposta uma Declaraçao Universal de Dereitos Humanos, e com isso julgámos ter tudo, sem repararmos que nenhuns direitos poderão subsistir sem a simetria dos deveres que lhes correspondem, o primeiro dos quais será esixir que esses direitos sejam não só reconhecidos, mas tambén respeitados e satisfeitos. (…) reivindiquemos tambén o dever dos nossos deveres”. Dirixida a unha humanidade maior de idade, capaz de tomar as súas propias rendas e con necesidade de facelo para seguir avanzando na propia humanidade de cada unha das persoas e da sociedade e do planeta en conxunto. Anos máis tarde (2017), a proposta materializouse en forma da ‘Carta Universal dos deberes e obrigas das persoas’, apoiada por un conxunto de personalidades, mais sen o amparo da ONU, a impulsora da DUDH de 1948.
Hoxe por hoxe, insertos nunha pandemia que se sobrepón só pola urxencia ó empeoramento climático ou outras crises e perigos que a humanidade soporta nivel global, ó tempo que as xera, aumenta a importancia desa correlación de manter os dereitos aplicándonos os deberes correspondentes. “Manteña as distancias e asuma a súa responsabilidade persoal” é unha cita dunha mandataria pública que poderíamos facer propia calquera de nós e que corresponde ó recoñecemento de que “non é posible ‘lexislar’ contra un virus”, cita das verbas doutro mandatario que incide na responsabilidade persoal, individual, de cada un de nós para lograr un ben colectivo-como exemplo nun caso particular, o COVID-19-.
Se a sociedade tivo unha importancia fundamental no progreso humano, pero sempre estivo baseada nos individuos, nas persoas, agora non é menos certo. Todos sabemos que “frear de xeito local o virus ou as emisións de gases de efecto invernadoiro será en van se o viciño non fai o mesmo”. É dicir, para enfrontármonos cos desafíos que nos desafían, necesitamos, como persoas e como sociedade, construír unha mentalidade de maioría de idade: os deberes van ligados ós dereitos. E ambos necesitan de sentidiño para formularse e aplicarse. Doutro xeito, seguiremos a crear desafíos maiores en troques de solucionar os que xa temos.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive