24 de Setembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A CIG-Ensino apoia ao profesorado, á equipa directiva e á comunidade educativa do CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove nas súas reivindicacións para acadar un inicio de curso con garantías de seguridade

15-09-20

 A Mariña, 15 de setembro, 2020. A CIG-Ensino apoia ao profesorado, á equipa directiva e á comunidade educativa do CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove nas súas reivindicacións para acadar un inicio de curso con garantías de seguridade.
Asimesmo a CIG-Ensino denuncia publicamente a actitude da Consellaría de Educación e da Xefatura Territorial de Lugo que denegaron retrasar o inicio do curso neste centro, no que é un agravio comparativo respecto as decisión que se tomaron noutros centros en situación similar. Ata oito centros de Galiza retrasaron a apertura por obras, en Ribeira, Monforte, Ourense, Valga, Marín, Pontevedra, A Cañiza e Vilanova.
No CEIP de Xove iniciouse un complexo proxecto de rehabilitación enerxética, a fin do cal estaba prevista para antes do inicio do curso actual. Porén, a fin das obras actualmente distan de estar rematadas. Se o estado das instalación son determinantes para o inicio con normalidade do curso escolar, no contexto dunha pandemia mundial, a adecuación dos espazos e dunhas instalacións axeitadas condiciona por completo a actividade escolar e o cumprimento do Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 da propia Consellaría.
Unha simple ollada ao aspecto que loce o centro neste momento permite comprobar que non se pode desenvolver con normalidade a actividade escolar, e moito menos coas garantías que se deben cumprir para asegurar o dereito á saúde da comunidade educativa: a presenza de andamios, os ruídos do exterior e o pó xenerado polas obras impide a correcta ventilación das aulas, tal como recomendan as autoridades sanitarias, e prescribe o Protocolo COVID. A esto hai que sumar que as obras no interior do centro e das aulas remataron o día 4 de setembro, a tan só seis días do inicio de curso, polo que non houbo marxe para todos os traballos necesarios de limpeza, desinfección, traslado e colocación do material educativo e sinalización para cumprir o protocolo.
Ante esta situación o profesorado do centro realizou unha petición á Xefatura Territorial de Educación para flexibilizar o inicio de curso, lembremos que estamos nunha situación excepcional, e a resposta da Consellaría foi negativa, esixindo comezar o curso no CEIP de Xove cunha normalidade que non existe, como se non houbese unha pandemia e as obras nunca tiveran lugar.
Unha vez máis vemos como a Consellaría de Educación ignora os intereses da rapazada e do profesorado, neste caso o dereito á saúde e a unha axeitada acción educativa, deixando que sexa o profesorado e a equipa directiva os que asuman todas as responsabilidades, realizando tarefas que van máis alá das súas obrigas profesionais e someténdoos a unha situación de gran estrés.
Ata en oito centros de Galiza a Consellaría de Educación permitiu unha flexibilidade na apertura dos colexios que negou no CEIP Pedro Caselles Rollán.
Desde a CIG-Ensino solidarizámonos e apoiamos á equipa directiva que presentou a súa dimisión á Consellaría de Educación.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive