26 de Setembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Raquel Queizás trae este sábado a Viveiro ‘Cinema Marabillas’, un espectáculo para toda a familia que reflicte a amizade entre o cine e a literatura infantil e xuvenil

15-09-20

 Viveiro, 15 de setembro de 2020. Viveiro será este próximo sábado, día 19, o escenario do espectáculo ‘Cinema Marabillas’ de Raquel Queizás, dirixido a nenos e nenas a partir de 5 anos e que reflicte a boa amizade que tiveron sempre o cine e a literatura infantil e xuvenil.
Os asistentes poderán gozar vendo as primeiras adaptacións cinematográficas inspiradas nos contos e libros clásicos da literatura. Organizado pola Concellería de Cultura, será na sala multiusos do Concello de Viveiro ás 12:00 horas.
A entrada será gratuíta pero o aforo limitado polas restricións do coronavirus. É imprescindible reservar ata o venres, día 18, de 08:00 a 15:00 horas no 982 57 06 06.
“O obxectivo é facerlles ver ás crianzas e as súas familias que esas historias que coñecen poden contarse de diferentes maneiras, que descubran que o cine mudo é unha expresión que pode resultar moi divertida; non faltará aventura, humor, misterio, tenrura, maxia, fantasía e sobre todo moita imaxinación”, explica Raquel Queizás.
A literatura é e sempre será unha gran fonte de inspiración para o cine. O cinema tamén se le. Alicia no país das Marabillas, Peter Pan, O Mago de Oz, Polgariño… as protagonistas destas historias son nenas e nenos que teñen preocupacións e reflexionan sobre o mundo no que viven.
Os personaxes do espectáculo reflicten as etapas evolutivas das espectadoras e espectadores máis cativos, axudándolles formar o seu pensamento crítico, e a súa capacidade reflexiva sobre temas como a amizade, o amor, a igualdade de xénero, ou o respecto polo diferente.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive