26 de Outubro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello de Foz adxudica a construción dunha rampla para mellorar a accesibilidade á residencia de maiores e a esta zona de Marzán

17-10-20

 Foz, 17 de outubro de 2020. O Concello de Foz vén de adxudicar por 37.000 euros a construción dunha rampla para mellora a accesibilidade á Residencia de Maiores Foz e a esta zona de Marzán. A obra é financiada con cargo ao Plan Único 2020.
O alcalde, Fran Cajoto, visitou hoxe, sábado, o lugar onde se fará a obra e explicou: “estamos moi satisfeitos de anunciar a adxudicación da rampla de acceso á residencia de Foz. Desde logo o itinerario de peóns á residencia é moi deficiente, por iso é tan importante un camiño seguro para que todos os anciáns poidan camiñar sen dificultade nas súas saídas ao pobo, aínda limitadas neste momento”.
O rexedor municipal recordou que “no plenario de febreiro de 2019 houbo un acordo unánime ante unha moción presentada por Foz Plataforma de Futuro para posibilitar esta mellora. Desde o Concello creemos que hai que ser moi serios co gasto público e facer investimentos en infraestruturas que procuren un bo servizo ás veciñas e veciños. Neste sentido a rampla de acceso dará servizo non só á residencia, senón tamén a todos os veciños de Marzán da zona, moi poboada nas edificacións da Costa do Castro”.
A rampla, de 33 metros de lonxitude e 1,6 metros de anchura, salvará un desnivel de algo máis de 2 metros, permitindo conectar a Rúa do Asilo coa Rúa Costa do Castro e mellorando deste xeito a accesibilidade. O prazo de execución será de tres meses. “O obxectivo deste goberno é a mobilidade sostible na liña da axenda 2030; neste senso en próximas datas procederase á contratación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible para ordenar e mellorar os desprazamentos en todo o casco urbano”, concluíu Fran Cajoto.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive