26 de Outubro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP pide a Tomé que inicie a tramitación dos orzamentos da Deputación para o próximo ano, ofrece a colaboración dos seus deputados e propón un plan para mellorar as estradas

17-10-20

 Lugo, a 17 de outubro de 2020. O grupo provincial popular pide ao presidente da Deputación que inicie a tramitación para o orzamento provincial correspondente ao 2021 e ofrece, coa mellor vontade, a colaboración dos seus deputados para sacar adiante o plan económico anual, no que teñan especial peso a promoción do emprego e un plan de estradas. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Os doce deputados do grupo popular ofrecémonos ao goberno da Deputación para empezar a traballar o antes posible nos orzamentos do ano 2021, que serán importantísimos para a provincia de Lugo nun momento moi complexo, no que todos debemos estar unidos e loitando polo mesmo fin”.

Castiñeira di: “O presidente da Deputación ten unha grande oportunidade de conseguir aprobar o presuposto por unanimidade do pleno e pódeo lograr se tende a man ao PP. Pola nosa parte non vai ter ningún problema. Temos que empezar a traballar dende xa; sería estupenda unha unanimidade neses orzamentos do 2021. Polo Partido Popular non vai faltar vontade para tratar de conseguilo. Para elo ten que empezar a traballar dende o primeiro momento, dende xa, para que os orzamentos estean aprobados a finais deste ano e non a finais do primeiro trimestre ou principios do segundo do 2021”. O portavoz provincial pon un exemplo de que os orzamentos débense aprobar canto antes, como fan outras deputacións, como a de Ourense, “da que temos que aprender neste sentido e iniciar o exercicio cos orzamentos xa aprobados”.

Arrancar o próximo ano tendo xa listo o plan económico é, indica Castiñeira, “moi importante para os concellos, porque supón para eles poder aproveitar dende o principio todos os planes que iso implica”. Expón o seu convencemento de que “o podemos facer e sería moi interesante para toda a provincia; para elo hai que convocar o máis pronto posible á xunta de portavoces ou á comisión de economía, o que o presidente considere máis adecuado, pero temos que empezar a falar de orzamentos”.

Castiñeira destaca: “O PP entende que é prioritario falar de estradas, dun plan de estradas. Temos unha das redes de estradas máis grandes do Estado, con 4.200 quilómetros, e cremos que é o momento de deseñar un plan e tratar de mantelas debidamente, porque en moitos concellos hai vías provinciais en moi mal estado. Tamén temos que combater esta crise con emprego, fomentando o emprego e axudando aos emprendedores lucenses”.

Os populares queren sumar e animan ao presidente da Deputación “a conseguir ese pleno de 25 votos que sería moi positivo para toda a provincia”. Castiñeira di: “Chámenos, estamos a súa disposición. Nós imos defender dous temas que cremos necesarios: un é o fomento do emprego, nun ano crucial para a provincia, un ano no que temos que saír desta crise que está causando a covid-19; o outro é a mellora das estradas. Temos que desenvolver un plan de estradas continuo para manter esa rede que crearon no seu días gobernos do PP e que vertebra a nosa provincia; é fundamental para o desenvolvemento do rural”.

Castiñeira resume: “Emprego e estradas, aí nos atopará señor presidente; aproveite a boa vontade do PP. Está nas súas mans conseguir un acordo unánime, 25 deputados votando a favor dos orzamento para o 2021, sería un éxito do goberno, pero, sen dúbida algunha, un éxito de toda a corporación”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive