NOTA DE PRENSA
O portavoz do Grupo Popular, Manuel Ruiz Rivas, presentou hoxe a campaña, que se inicia esta tarde en Ferrol e que pretende valorar a efectividade do realizado e as necesidades pendentes
O PPdeG ANALIZARÁ O PRIMEIRO ANO DE XESTIÓN DO GOBERNO DE NÚÑEZ FEIJÓO EN TODAS AS COMARCAS GALEGAS A TRAVÉS DE XUNTANZAS DOS DEPUTADOS E CARGOS PROVINCIAIS E LOCAIS DO PARTIDO COA MILITANCIA
* Ruiz Rivas lamentou a persistencia dos socialistas “en facer as contas erroneamente coa intención de manipular á opinión pública”, en referencia ás afirmacións da voceira de Economía do PSdeG sobre a execución do orzamento de 2009, para o que “partiu do mesmo engano de considerar uns ingresos que non existiron”.
* A tendencia de contención da destrución do emprego que se está a consolidar nos primeiros meses do presente ano, cunha baixada á metade respecto a 2009, demostra, para o Grupo Popular, que “os plans desenvolvidos en materia laboral e de dinamización da economía están a dar resultados”.
Santiago, 12 de abril de 2010.- O Partido Popular de Galicia analizará, entre mediados de abril e principios de maio, o primeiro ano de xestión do Goberno de Núñez Feijóo en todas as comarcas galegas a través de xuntanzas dos deputados e cargos provinciais e locais do partido coa militancia. O portavoz do Grupo Popular, Manuel Ruíz Rivas, presentou hoxe a campaña, que se inicia esta tarde en Ferrol e que pretende valorar a efectividade do realizado e as necesidades pendentes. A iniciativa reafirma a estratexia do PPdeG de estar en permanente contacto coa realidade para encamiñar a súa política e a acción de Goberno e de reflexionar sobre as liñas desenvolvidas e a seguir no futuro.
“O obxecto da campaña é visualizar e difundir a acción de Goberno en todos os concellos de Galicia”, salientou Ruiz Rivas, quen apuntou que, “sobre todo, a nosa intención é facer un balance construtivo a partir da análise e do debate dentro do propio partido en cada zona sobre todas as actuacións e proxectos desenvolvidos”. Así, explicou, ademais de expoñer esa acción de Goberno, a finalidade das xuntanzas comarcais, “lonxe de caer en triunfalismos”, é “facer unha análise seria do traballo feito e dos pasos futuros”, escoitando “aos representantes do partido máis coñecedores da realidade de cada territorio”.
O portavoz do Grupo Popular considerou que o balance “é positivo”, dadas as accións postas en marcha e “a difícil situación de partida”, nun ano no que o Goberno “tivo que facer moito máis con moito menos” e logrou “unha axeitada xestión dos recursos para atender as prioridades de Galicia”. Respecto á mencionada situación de partida, destacou que o Bipartito deixou uns orzamentos “irreais”, nos que había presupostados 600 millóns de euros máis dos que en realidade se ingresaron, “e houbo que cubrir outros case 600 millóns de gasto previsto que non tiña respaldo orzamentario”. Un escenario ao que “houbo que engadir a obriga de Galicia de devolver 1.900 millóns de euros ao Estado como consecuencia da tamén nefasta planificación do Goberno de Zapatero”. A ese respecto, o deputado lamentou a persistencia dos socialistas “en facer as contas erroneamente coa intención de manipular á opinión pública”, en referencia ás afirmacións da voceira de Economía do PSdeG sobre a execución do orzamento de 2009, para o que “partiu do mesmo engano de considerar uns ingresos que non existiron”, co que “novamente, os socialistas fan unhas contas irreais e un balance ficticio porque, á hora de analizar o executado, suman uns cartos que non había”. Ruiz Rivas indicou que “as contas reais quedarán claras mañá coa comparecencia da conselleira de Facenda no Pleno”.
EMPREGO E DINAMIZACIÓN DA ECONOMÍA
Malia ese punto de orixe, o Goberno de Núñez Feijóo “dedicou todos os seus esforzos desde o primeiro momento a afrontar esa situación, empezando por aplicar a austeridade na Administración, o que permitiu aforrar 144 millóns de euros”, e deseñou un Plan de Choque, cifrado en 1.200 millóns de euros, con medidas urxentes contra a crise económica.
Ruiz Rivas fixo tamén referencia aos plans e actuacións desenvolvidos para atallar a destrución de emprego e dinamizar os sectores produtivos, tales como o Plan Autonómico de Emprego, o impulso ás axudas do IGAPE –que medraron un 207% en 2009 con respecto ao ano anterior-, os Plans Resolve e Re-Brote –que destinan 400 millóns de euros ao financiamento de circulante das empresas, o Plan Re-Móvete –que supuxo un aumento das matriculacións dun 5% mentres en España baixaban 18 puntos-, o Plan Re-forza de apoio á mellora da competitividade e internacionalización do tecido empresarial, ou as actuacións destinadas aos autónomos.
A tendencia de contención da destrución do emprego que se está a consolidar nos primeiros meses do presente ano, cunha baixada á metade respecto a 2009, demostra, para o Grupo Popular, que “os plans desenvolvidos en materia laboral e de dinamización da economía están a dar resultados”.
POLÍTICA SOCIAL
En canto á política social, o portavoz dos parlamentarios populares resaltou que os orzamentos de 2010, malia diminuír por primeira vez, “son os de maior peso do gasto social da historia de Galicia, acadando o 70%” e salientou, en materia de Sanidade, os proxectos dos hospitais de Vigo e Pontevedra e a posta en marcha do de Lugo, “que suporán 3.000 novas camas públicas” ou o feito de que por primeira vez se cumpriu o requisito de que a espera media para os pacientes de prioridade 1 sexa inferior a trinta días. Respecto á atención á Dependencia, remarco que máis de 34.000 grandes dependentes cobran xa a súa prestación e que o novo decreto axilizará enormemente os trámites burocráticos para que os dependentes accedan ao seu dereito. Igualmente, referiuse ao Plan de Acción Social que, cun compromiso orzamentario de máis de 2.000 millóns de euros, creará 10.000 empregos anuais, 4.500 prazas en escolas infantís e 2.800 novas prazas en centros de día para persoas maiores.
INFRAESTRUTURAS E ORDENACIÓN DO TERRITORIO
No que atinxe á infraestruturas de comunicación e ordenación do territorio, Ruiz Rivas considerou avances “máis que importantes” o Plan Move, “que multiplicará por 3 os quilómetros de Vías de Altas Prestacións e que xa ten en marcha 186 obras de mellora da rede convencional de estradas, en preto de 1.000 quilómetros”; o Pacto do Obradoiro para o AVE, que foi posible “gracias a que agora a nosa Comunidade conta cun presidente respectado”; a reforma da Lei do Solo; o Plan de Ordenación do Litoral; ou as novas Normas do Hábitat.
O deputado resaltou tamén o Plan de Saneamento das Rías, dotado con máis de 25 millóns de euros; o Plan de Infraestruturas hidráulicas que, con case 900 millóns de investimento permitirá que a totalidade das rías galegas e todos os núcleos de máis de 2.000 habitantes dispoñan do saneamento axeitado; e a aprobación do proxecto de Lei de Augas de Galicia, que fomenta o consumo racional deste ben.
ADMINISTRACIÓN E EDUCACIÓN
No balance exposto, Ruiz Rivas concedeu tamén especial importancia á modernización da Administración, salientando o Plan de Infraestruturas Xudiciais, a implantación da e-Administración, a posta en marcha da factura electrónica ou o pagamento a proveedores en 45 días, entre outras medidas postas en marcha neste primeiro ano.
Por último, fixo referencia á xestión realizada en materia de Educación, cunha mención especial ao decreto do Plurilingüismo, “que recupera o equilibrio entre as dúas linguas oficiais”. En materia de Formación Profesional, salientou a adaptación dos currículos á LOE, acadada en 20 títulos neste primeiro ano, así como a ampliación da oferta, con 11 novos ciclos de grao superior e 8 de grao medio.Así mesmo, resaltou os avances na adaptación das Universidades galegas ao Espazo Europeo de Educación Superior e a modernización dos centros de ensino non universitario mediante o Proxecto Abalar para a introdución de tecnoloxías dixitais, polo que o vindeiro curso 14.000 alumnos contarán con ordenador portátil nas aulas.
















Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.



