Nota de prensa
Avanza que a Xunta reservará como mínimo un 15% do Fondo Emprende de Capital Risco para a provincia e dará un 10% máis de apoio aos proxectos de creación de novas empresas que se enmarquen dentro dos sectores estratéxicos
FEIJÓO SUBLIÑA QUE O PLAN ESTRATÉXICO DO IMPULSA LUGO MANTERÁ AS MEDIDAS XA POSTAS EN MARCHA PARA QUE OS EMPRENDEDORES APOSTEN POR LUGO AO TEMPO QUE INTENSIFICARÁ O COMPROMISO COS SECTORES ESTRATÉXICOS E EMERXENTES
* “Non nos limitamos a celebrar o que Lugo xa ten logrado co Plan Impulsa, senón que renovamos o noso compromiso con máis axudas para que Lugo poida ser parte esencial do desenvolvemento de Galicia a través de novos investimentos e máis emprego”, asevera
* Lembra que na primeira fase o Plan Impulsa Lugo logrou mobilizar 122 millóns de euros de investimentos que permitiron crear ou manter máis de 400 empregos
* Destaca que o Plan se basea en dous principios básicos: unha diagnose certa e con prioridades claras e medidas ambiciosas e efectivas
* “O Plan Impulsa Lugo é comezar por Lugo e reconstruír a confianza porque cremos que é un deber posible: Galicia confía en Lugo e Lugo confía en si mesma”, remarca
* Considera que o acto de hoxe é outra proba “de que a maridaxe entre a vontade social e o compromiso político existe na nosa terra e de que ten aquí en Lugo un dos seus principais valedores”
Lugo, 25 de marzo de 2011.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta mañá que o Goberno galego vai manter as medidas transitorias postas en marcha no último ano para calquera emprendedor que aposte por Lugo, facendo fincapé nas que incidan na innovación e na internacionalización, ao tempo que vai “intensificar” o seu compromiso cos sectores estratéxicos definidos no Plan Impulsa Lugo. Así o salientou esta mañá en na cidade das murallas, onde presentou, acompañado polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e polo titular de Economía e Industria, o Plan Estratéxico do Plan Impulsa Lugo.
Segundo avanzou Feijóo na súa intervención, a Xunta vai reservar “como mínimo un 15% do Fondo Emprende de Capital Risco para a provincia de Lugo” e dará “un 10% máis de apoio a aqueles proxectos de creación de novas empresas que se enmarquen dentro dos nosos sectores estratéxicos”. Deste xeito, o Igape garantirá un mínimo dun 30% para as pequenas e medianas empresas e un 25% para as medianas (o que supón un incremento de 10 e 5 puntos, respectivamente). No caso dos proxectos que supoñan ampliación, o titular da Xunta explicou que os mínimos que se garanten son do 25% para pequenas empresas e do 20% para as medianas.
“Mantemos e intensificamos a aposta por unha Galicia única, e porque toda a provincia de Lugo se sume a esa Galicia única e equilibrada, que conte coas mesmas oportunidades que o resto de Galicia”, argumentou Feijóo incidindo en que “non nos limitamos a celebrar o que Lugo xa ten logrado co Plan Impulsa, senón que renovamos o compromiso con máis axudas para que Lugo poida ser parte esencial do desenvolvemento de Galicia a través de novos investimentos e máis empregos”.
122 millóns de euros de investimento e máis de 400 empregos
“O Plan Impulsa Lugo é comezar por Lugo e reconstruír a confianza porque cremos que é un deber posible: Galicia confía en Lugo e Lugo confía en si mesma”, aseverou o mandatario galego lembrando que así foi cando este plan se aprobou no primeiro Consello da Xunta que acolleu a cidade de Lugo e así volve ser hoxe, ao completalo “definitivamente con novos instrumentos, novas esperanzas, novos estímulos”.
Feijóo explicou, ademais que nesta primeira fase, o Plan Impulsa logrou mobilizar máis de 122 millóns de euros de investimento, que permitiron crear ou manter máis de 400 empregos. E “se o Impulsa Lugo deu froitos coa posta en marcha de medidas transitorias, ten que seguir dándoos agora que presentamos o Plan Estratéxico”, incidiu, amosándose optimista porque, dixo, “contamos co respaldo de dous principios claros: unha diagnose certa e con prioridades claras e medidas ambiciosas e efectivas”.
A este respecto, Feijóo argumentou que a diagnose certa “permite centrar os nosos esforzos e detectar con claridade as fortalezas e as debilidades da provincia”, acumulando experiencias en sectores “arraigados” pero que aínda teñen “moito potencial e polos que podemos apostar con diversas medidas”: apostando por novos investimentos acuícolas; promocionando as denominacións de orixe vitivinícolas; diversificando o chan agrario para dar cabida á horticultura ou aos produtos fitosanitarios; fomentando a creación na Universidade de unidades de investigación en silvicultura, nutracéutica ou biotecnoloxía agrícola; ou orientando o turismo cara aos establecementos de calidade e gozando do patrimonio cultural. Pero tamén esta diagnose, apostilou, “permítenos aprender que hai carencias que se deben cubrir no futuro”, apostando por sectores emerxentes, potenciando o investimento no sector biotecnolóxico; creando un polo tecnolóxico que fomente a I+D+i; reservando chan para empresas intensivas en I+D+i preto do campus; ou apostando pola biomasa para poder aproveitar o potencial natural de Lugo.
“Este plan que hoxe se abre a todos os emprendedores é a mellor proba de que as raíces de Galicia tamén comezan a medrar en Lugo para que o futuro que hoxe imaxinamos sexa realidade máis pronto que tarde”, asegurou Feijóo lembrando que só “de nós depende derrubar completamente o muro” e “construír un clima que lle permita á provincia de Lugo aproveitar todo o seu potencial e atraer a si mesma ideas e proxectos interesantes”.
“Eu creo que, para logralo, xa existe o máis importante”, engadiu: “a disposición dos axentes sociais, económicos e políticos”, que agradeceu expresamente. “Este acto é unha proba máis de que a maridaxe entre a vontade social e o compromiso político existe na nosa terra, e de que ten aquí en Lugo uno dos seus principais valedores”, incidiu.
Lugo, gran activo de Galicia
Por último o presidente galego lembrou que Lugo é “un gran activo de Galicia” e que é á comunidade a quen lle corresponde apoialo con novas oportunidades. Novas oportunidades culturais, como o Museo da Romanización que xa se está a desenvolver no cuartel de San Fernando e que suporá un investimento de 10 millóns de euros ou como o novo Auditorio de Lugo ao que se destinarán 20 millóns de euros; novas posibilidades económicas como as que ofrece o Polígono das Gándaras ou o Porto Seco de Monforte; novas posibilidades sanitarias, como as que ofrece o novo hospital público; novas posibilidades tecnolóxicas como as que garante o Plan de banda larga; novas posibilidades de mobilidade, como as que ofrece o novo Plan de transporte metropolitano; ou este Plan Impulsa Lugo “que aspira a aproveitar todo o potencial económico desta provincia e darlle novas posibilidades que fagan da nosa unha terra máis forte, máis competitiva e máis igualitaria”, concluíu.





















As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
Pode visitarse ata outubro e explica como se producía o ferro na antigüidade. O documental “Da pedra ao ferro” publicarase proximamente na web do Museo.
Asistiron o tenente coronel Rubén García Díez, que é xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o comandante Féliz Rodríguez Alcántara, segundo xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o capitán Miguel Martínez Vilela, xefe da Escuadrilla Plus Ultra da Garda Real; así como persoal da devandita escuadrilla. O obxectivo da xuntanza foi coñecer a labor deste grupo do Exército, as actividades que desenvolve e a posibilidade de que algunha delas se poida levar adiante en Ribadeo. Tamén participaron a concelleira de Seguridade, Montse Seijo, e o xefe da Policía Local, Andrés Redondo.
Ás 12:00 h, no Parque Ramón de Campoamor, terá lugar o acto institucional de homenaxe. Pola tarde, no Casino de Navia, haberá actividades abertas ao público: 18:00 h – Recital “Poesía que nos une escondida entre renglones”. 19:00 h – Encontro coa escritora Matilde Suárez, Premio “Ría del Eo”. A alcaldesa, Ana Fernández, destacou o compromiso de Navia por recuperar e poñer en valor o legado do poeta e consolidar o concello como referente cultural.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.



