- Mantense activo o incendio forestal da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro,
Iniciouse ás 15.30 horas deste martes e segundo as últimas estimacións, supera as 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 37 axentes, 47 brigadas, 51 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 8 avións. Tamén Na Fonsagrada está xa controlado desde as 21.30 de onte xoves o incendio rexistrado neste mesmo municipio da Fonsagrada, parroquia de Cereixido, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 20 hectáreas. Este lume iniciouse o mércores ás 13.07 e, para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 2 técnicos, 12 axentes, 17 brigadas, 18 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 5 avións. Nas Pontes está controlado desde as 10.20 horas deste venres o incendio forestal na parroquia do Freixo, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas. O lume iniciouse ás 22.03 horas do mércores e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 14 axentes, 22 brigadas, 17 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.
- Un camión caeu nun regato en Lourenzá
Apenas uns minutos despois das 10 deste venres o 112 Galicia deu curso a unha chamada de alerta por accidente en Lourenzá. Tratábase dun camión que se saíu da vía e foi parar a un pequeno regato apenas sen auga. Sen embargo, o único condutor do vehículo quedou atrapado no interior e necesitou a axuda dos Bombeiros de Barreiros. Cando puido ser liberado, recibiu asistencia médica por parte dunha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazada no lugar dos feitos. Foi a chamada ao 112 dunha persoa particular o que permitiu activar o operativo. Os axentes de Garda Civil de Tráfico, os membros do GES da Pontenova e os voluntarios de Protección Civil da localidade sumáronse a bombeiros e sanitarios para unha áxil atención do ferido e para comprobar o bo estado do regato, libre de verteduras.
- O Local Social do Concello de Cariño acollerá este venres, 8 de agosto, a presentación do número 12 da revista Terras do Ortegal, que leva por título ‘Abrandares do Ortegal’
Este novo exemplar inclúe 340 páxinas con ata 13 artigos dedicados á figura feminina na comarca, poñendo en valor o seu papel ao longo da historia e na actualidade. O acto, que terá lugar ás 20:00 horas, contará coa participación Xosé Lois Armada, científico do Incipit CSIC; Hixinio Puente, escritor, investigador e cronista de Mañón; Isabel Vigo, técnica do Museo do Pobo Galego; e Xosé María Torres, directivo de Terras do Ortegal.
- O Concello de Viveiro lembra que os coches que están aparcados no peirao, fronte ao centro da vila, deberán desaloxar o espazo o domingo 10 de agosto por mor da montaxe das atraccións das festas patronais
A medida tómase para evitar que as caravanas podan sufrir problemas de manobrabilidade en lugares como a boca da estación de autobuses. Os camións cos materiais necesitan ese espazo para acceder ao recinto feiral. Unha vez que se instalen as atraccións, o aparcamento será aberto ao público de novo. O Concello de Viveiro agradece a colaboración dos veciños e visitantes.
- A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou na entrega de premios do LXXIV Trofeo Emma Cuervo celebrado este mércores en Ribadeo
Disputárono R.C. Deportivo e Real Oviedo con vitoria galega por 2-1. Contou tamén coa asistencia do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
- Creatividade a toda cor en Cervo Concilia
Esta semana as crianzas sorprenderon cunhas fermosas manualidades mariñas. Traballaron con moita ilusión para crear estes snorkels tan orixinais, cheos de cor e detalles. A actividade non só fomentou a súa creatividade, senón tamén o traballo en equipo e a diversión nun ambiente seguro e educativo.
- Palestra de Fernández Vizoso sobre a emigración mariñá
A Pomba do Arco organiza o xoves 14 de agosto ás 20:30 hora no Cenima de Foz a presentación do libro de Martín Fernández Vizoso, Memoria de Mariñas, que recolle 75 traballos sobre a emigración da Mariña ao continente americano. Martín Fernández Vizoso achegará na súa intervención 13 investigación sobre emigrantes focegos en Arxentina Cuba ou Filipinas. As mesmas permiten reconstruír unha parte descoñecida da diáspora focega. Fernández Vizoso, xornalista e investigador, é veciño de Cangas e autor dunha amplía bibliografía sobre a historia da comarca da Mariña, á que xa ten dedicada catro volumes e centos de artigos en diversas publicacións