Nota de prensa
O BNG CRITICA A FALLA DE PLANIFICACIÓN ORZAMENTARIA DO CONCELLO DE BARREIROS. OS NACIONALISTAS ASEGURAN QUE SE GASTA MOITO MÁIS DO QUE SE PRESUPOSTA E DENUNCIAN QUE SE RECURRA A RECOÑECEMENTOS EXTRAXUDICIAIS DE CRÉDITO PARA FACER FRONTE A MOITOS PAGOS.
Barreiros, 26 de abril de 2011. O BNG critica a falla de planificación orzamentaria do Concello. Os nacionalistas aseguran que se gasta moito máis do que se presuposta e denuncian que se recurra a recoñecementos extraxudiciais de crédito para facer fronte a moitos pagos, unha medida que se escapa do control e da fiscalización que deben realizar os partidos da oposición.
O portavoz do BNG, Antonio Veiga, manifestou que “a estas alturas e desgraciadamente como ven sendo habitual o Concello de Barreiros segue sen planificación orzamentaria para este 2011. E o gasto váise facendo con arreglo a recoñecementos extraxudiciais de crédito. No pleno extraordinario que tivemos hoxe vimos de aprobar un novo recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 13.000 euros de facturas correspondentes ao exercizo anterior. É curioso porque xa no mes de febreiro houbo outro recoñecemento extraxudicial de crédito de casi 700.000 euros, ousexa vía extraxudicial, vía extraoficial e escapando do control orzamentario gástase tanto ou máis do que había presupostado. Polo tanto casi poderíamos dicir que é lóxico o desastre no funcionamento dos servizos porque non se planifica con rigor”.
Veiga Outeiro explicou que “estes gastos que non se aproban nos exercizos correspondentes fánse así para que o resto da Corporación non os controle. O PP intenta, unha vez máis, escapar do control e da fiscalización que ten que facer a Corporación, concretamente os grupos da oposición. Gástase prácticamente o dobre do presupostado pero, dito en linguaxe coloquial, por fóra sen ningún tipo de control. Hai servizos que se resinten como por exemplo o mantemento da rede viaria, que nos últimos trinta anos nunca peor estivo nin tan desatendida”.
Os nacionalistas subliñaron que “hai facturas curiosas neste recoñecemento extraxudicial de crédito, hai desprazamentos de traballadores non sabemos moi ben a onde, hai gastos que non sabemos si son caprichos do alcalde ou dalgún concelleiro. Hai un descontrol do Concello de Barreiros como non podía ser menos gobernando o PP, é ao que nos ten afeitos o PP, estamos no mes de maio e sen orzamentos para o ano 2011”.
O portavoz do Bloque Nacionalista Galego en Barreiros recalcou que “o propio informe de intervención sinala que o recoñecemento extraxudicial de crédito quebra o propio concepto de orzamento e escápase do control da legalidade, entre outras cousas”.