Nota de prensa:
O PSOE DE FOZ CULPA Á XUNTA DE QUE NON SE REXISTRE NO RESTO DE GALICIA O MESMO DESCENSO DO PARO QUE NA PROVINCIA DE LUGO
-Aseguran que “políticas de socialistas como o alcalde de Foz e o Presidente da Deputación Provincial fixeron posible que descendese o número de desempregados”
-Os socialistas instan ó presidente da Xunta de Galicia a que “se poña as pilas en materia de emprego que para iso ten as competencias”
-Asimesmo, critican o afán recadatorio de Portos de Galicia pola suba desproporcionada das tarifas de amarre
Os socialistas de Foz amosaron a súa satisfacción ante os datos facilitados pola Consellería de Traballo, uns datos moi esperanzadores en tempos de crise, nos que o Concello de Foz encabeza a lista de concellos da provincia nos que máis diminuiu a lista de parados. Subliñan que “é unha moi boa noticia saber que a provincia de Lugo, e a Mariña en concreto, foi unha comarca na que o paro descendeu. E ademais, o noso concello é o que mellores datos aporta. Foz recolle agora as boas noticias, cando foi un dos concellos precursores en fomentar os plans de emprego. Así, podemos comprobar como o plan de emprego de Foz, de inicios do 2010, xunto co plan Lugo Emprega da Deputación foron eficaces”. Precisamente, o organismo provincial con este plan fomentou o descenso do paro dando traballo a un total de 179 persoas en toda a Mariña que xa están a pleno rendemento. A maiores, 192 desempregados da comarca participan no Pacto Provincial polo Emprego, unha iniciativa que ofrece formación en distintos ámbitos e pola que reciben unha prestación salarial duns 400 euros.
Asimesmo, dende o PSOE focense aseguran que “ante a pasividade do Goberno Autonómico, que preside o popular Alberto Núñez Feijoo, tiveron que ser socialistas, como o noso alcalde, José María García Rivera, e como o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, os que puxeran en marcha políticas de emprego activas que deran traballo a moitos parados. A Xunta de Galicia, administración que ten competencias na materia, administración que ten que estar ó frente das políticas activas de emprego, segue de brazos cruzados. Núñez Feijoo puxo cero euros e creou cero postos de traballo”.
Os socialistas instan á Xunta de Galicia a que “se poña as pilas en materia de emprego e que colabore para que este dato positivo que conseguiu a provincia de Lugo se reflexe no resto de Galicia. Cando hai necesidades é cando hai que dar solucións, cando se trata de crear emprego ninguén pode estar á marxe, e menos o organismo autonómico, sendo quen ten as competencias nas políticas activas”.
Suba das tarifas portuarias
Por outra banda, os socialistas de Foz critican a Portos de Galicia pola suba desproporcionada das tarifas das prazas de amarre nos portos deportivos da comarca, afectando, como non, ós usuarios no Concello de Foz. Neste senso, sinalan que “é unha inxustiza que este ano se teña que pagar o dobre, cando as circunstancias non cambiaron nada. En vez de contribuir á mellora das instalacións e dos servizos, Portos limítase a subir as taxas con fins exclusivamente recadatorios”.