Nota de prensa
A Deputación renova o seu esforzo por garantir que as praias mariñanas sexan un referente de calidade en España
– Lara Méndez presidiu en Viveiro unha reunión con técnicos municipais coa que arrinca o proceso para renovar a certificación medioambiental ISO 14001, uns traballos que a institución provincial financiará ó 100%, como fixo o ano pasado para a implantación do selo
– No proxecto participarán Viveiro, Ribadeo, Foz e Burela, que aspiran a manter o distintivo para 17 das súas praias. O Vicedo decidiu desvincularse, polo que, a non ser que asuma o custe con fondos propios, perderá o certificado que lograra para tres areais
– A Deputación afórralle 7.300 euros a cada unha das localidades participantes, potenciando a cooperación e asistencia ós municipios da provincia e conseguindo que a Costa de Lugo siga sendo a terceira española con máis praias certificadas
A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presidiu este venres en Viveiro unha reunión coa que arrancou o proceso para renovar a certificación medioambiental ISO 14001 das praias mariñanas, uns traballos que financiará ó 100% o organismo provincial, como xa fixo o pasado ano para a implantación deste prestixioso selo de calidade. No encontro participaron a representación técnica que se ocupará de facela auditoría de seguimento e técnicos municipais de Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo, os catro Concellos que aspiran a continuar co distintivo. O Vicedo, que se sumou voluntariamente ó proxecto o pasado ano, desvinculouse agora para a renovación do certificado sen argumentar ningún motivo. Deste xeito, a non ser que asuma esta tarefa con fondos propios, perderá o selo que conseguira na tempada estival de 2010 para tres dos seus areais (Xilloi, Abrela e Areagrande).
Este tipo de recoñecemento leva consigo tres tipos de beneficios directos para os Concellos. Por un lado, ambiental, un dos máis visibles, pois o selo implica a incorporación de melloras continuas nos areais. Deste xeito, as entidades locais que este ano renoven o certificado aplicarán actuacións que contribúan a optimizar a limpeza e a xestión de residuos das praias. Por outra banda, un beneficio de imaxe, dada a promoción que leva consigo, xa que as praias con este certificado, concedido segundo a normativa europea EMAS, figuran nun rexistro oficial da Administración Autonómica ó que teñen acceso a cidadanía en xeral e os operadores turísticos. Así mesmo, abre portas á participación en feiras e salóns turísticos, e permítelles ós municipios distinguidos diferenciarse da competencia neste tipo de certames, mellorando o seu posicionamento ante a sociedade. Por último, leva consigo un beneficio económico, pois coa optimización da recollida de residuos, as entidades locais acaban reducindo custes e tamén o risco de recibir sancións por irregularidades medioambientais.
Aínda que os Concellos se comprometeran a asumir os custes das auditorías necesarias para renovar a ISO 14001, que deben facerse cada ano, a Deputación tomou a decisión de financiar esta primeira avaliación, tendo en conta a delicada situación económica pola que atravesan as administracións locais. Deste xeito, a institución lucense afórralles 7.300 euros a cada un dos municipios participantes, reforzando a súa aposta por que as praias mariñanas sexan un referente de calidade en España e, ó mesmo tempo, potenciando a súa liña de cooperación e asistencia ós municipios da provincia. A Vicepresidenta Segunda pediu neste senso unha actitude de colaboración e corresponsabilidade dos Concellos para que nos próximos anos se fagan cargo das auditorías.
O procedemento de avaliación debe estar concluído en decembro. Trala baixa de O Vicedo, as praias que serán sometidas a exame son 17:
– Ribadeo: As Catedrais e Os Castros
– Foz: Areoura, Llas, Peizás, As Polas, A Rapadoira, Os Xuncos, Alemáns, Pampillosa e Arealonga
– Burela: A Marosa, O Portelo e Ril
– Viveiro: Covas, Area e Sacido
Diferenza na xestión das praias
Lara Méndez comprometeuse a “seguir colaborando en tódolos aspectos, non só monetario, cos Concellos para afrontar as necesidades que se lles plantexen”. Por outra banda, lamentou que O Vicedo se descolgue da certificación medioambiental, “quedándose á marxe dunha iniciativa tremendamente positiva para a comarca”, como xa o fixeran o pasado ano Cervo, Xove e Barreiros, que rexeitaron sumarse á implantación do selo. Méndez aludiu á diferenza na xestión das praias entre os Concellos adheridos ó proxecto con respecto ós que optaron por non facelo, “como demostra por exemplo que Cervo recibise recentemente unha comunicación da Consellería de Sanidade na que se lle advertía da existencia de cristais, residuos orgánicos, plásticos, madeiras e algas en descomposición na Caosa, Cubelas e O Torno, unha situación de abandono que se tería evitado precisamente coa aplicación das medidas que esixe a ISO 14001”.
Neste senso, a Deputada mariñana subliñou este é un distintivo “que se rexe pola normativa da Unión Europea máis estrita e esixente, a EMAS, e que garante praias de auténtica calidade”. Unha mostra dese rigor é que, “non só se debe controlar a calidade das augas, senón que é obrigatorio que todo cumpra as normas, por exemplo, que un traballador ou unha máquina teña os permisos en regra”. Coa súa implantación, a de Lugo pasou a ser a terceira costa de España, despois da de Valencia e Cataluña, con máis areais que locen este selo. Méndez destacou así mesmo a promoción e impulso que este certificado supón para o sector turístico da Mariña, un dos piares da economía da comarca, favorecendo a súa desestacionalización.
Lara Méndez lembrou que a distinción implantada pola Deputación vai máis alá da Bandeira Azul, pois mentres esta última é unha fotografía da praia que se dá nun determinado momento, a ISO 14001 garante unha excelente calidade medioambiental e de servizos, ademais dunha mellora continua dos areais. Tamén supón un valor engadido con respecto á Q de Calidade Turística, pois non só atende ás demandas dos turistas que marcan as empresas, senón tamén ás leis medioambientais dos expertos da Unión Europea. De aí que garanta unha correcta xestión medioambiental, minimizando o impacto nas praias e, o que é máis importante, nos veciños.
Premio por un traballo ben feito
O traballo medioambiental realizado pola Deputación coa implantación da ISO 14001 en 20 praias da Mariña mereceu o premio AENOR, que recolleu o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, na pasada edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR) de Madrid.



















A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A saída será ás 10:00 desde El Bao, con autobuses ás 9:00 desde Navia, e a chegada arredor das 16:30 seguida dunha festa na dársena. As inscricións estarán abertas do 31 de maio ao 12 de xuño na Casa do Deporte ou en liña por 7 €. O Concello anima a participar nesta cita que combina natureza, deporte e convivencia.



