Nota de prensa
O BNG DE FOZ CUALIFICA A XESTIÓN ECONÓMICA DO CONCELLO DE NULA CO ANTERIOR E CO ACTUAL GOBERNO
O resultado orzamentario a 22 de agosto é negativo en -1.048.753 euros
O PP e o PSOE están tomándolle o pelo aos veciños de Foz co das facturas ocultas
Foz, a 20 de outubro de 2011.- Diante da convocatoria dun pleno extraordinario sobre o estado económico do Concello, o BNG de Foz cualifica a xestión económica do anterior e do actual goberno municipal como nefasta e acúsaos de non tomar ningún tipo de medida para paliar o grave estado das contas municipais.
Segundo os datos do último informe de intervención sobre avaliación do cumprimento anual do plan de saneamento aprobado en pleno en xuño de 2009, o resultado é totalmente negativo tendo un aforro neto negativo de – 1.048.753,44 euros. E isto veu ocorrendo todos estes anos pasados. Respecto á liquidez xerada existe un déficit de -606.666,22 euros que levou á necesidade de subscribir unha operación de crédito por importe de 700.000 en xaneiro de 2011. Ademais, o remanente de tesourería que resulta da liquidación do exercicio 2010 é tamén negativo, alcanzando o importe de -218.360,43 euros, cando todo o mundo sabe que no ano 2007 o remanente ascendía a case 6.000.000 euros. Así pois, todos estes datos non poden máis que cualificar a xestión económica do anterior goberno municipal e en menor medida o do actual como un lastre para o Concello de Foz. Esta xestión levou ao Concello a poñer en perigo o mantemento dos servizos municipais, cousa que viña advertindo o BNG desde hai anos, sen que o goberno fixera nada. E desa situación son culpables tanto o Sr. Rivera como o Sr. Cancio que se ben no goberno non se entendían parece que na oposición si empezan a “entenderse”.
Tamén o BNG ten que tachar de irresponsabilidade aos gobernos de Rivera e de Castiñeira por non levar adiante o Plan de Saneamento aprobado o 5 de xuño de 2009 e que debería realizarse nun prazo non superior a tres anos. Segundo o mesmo informe de intervención, comprobase que poucas ou case ningunha das medidas dese plan foron postas en práctica nin en canto á redución de gastos como a aumento dos ingresos. Por exemplo, en relación cos gastos en bens correntes e servizos que prevía reducirse o seu incremento nun 3,5% respecto á situación anterior, o aumento real nestes dous anos foi dun 14,53%, é dicir, un 11,03% máis do previsto. Isto ven de non ter reducido o gasto de consumo eléctrico tanto nas dependencias municipais como no alumeado público, non reducir os gastos telefónicos, non centralizar as compras realizadas polo concello, non realizar un auditoría do parque móbil municipal evitando reparacións e avarías innecesarias, non ter un maior control na execución do gasto, etc, etc. En canto aos ingresos non se adoptaron medidas contempladas no Plan de Saneamento como a verificación dos orzamentos reais das obras no momento do seu remate ou como un desenvolvemento do procedemento de recadación en vía de constrinximento ata as súas fases finais o que levou ao Concello ter a 31 de decembro de 2010 un dereitos pendentes de cobro por importe de 3.525.155,66 euros, dos que a maioría son xa incobrables.
Segundo Basanta, de todo isto podemos concluír que o estado de contas do Concello de Foz é grave no sentido en que se non se toman medidas que permitan mellorar a situación pode chegarse á imposibilidade de facer fronte as obrigas que o concello xere. O BNG xa advertira ao anterior goberno que se seguiamos así empeñariamos ao Concello e non habería nin para pagar aos empregados. E tampouco vemos que no tempo que leva gobernando o PP se fixera nada para mellorar a situación. Podemos dicir que “cando había cartos gastáronse sen ton nin son e agora que non os hai tampouco se fai nada”.
Respecto ao tema das facturas ocultas do que en varias ocasións polemizaron o PP e o PSOE, a posición do BNG é clara: “Que non mareen á xente. Se existen esas facturas que as poñan enriba da mesa e que non se adiquen a enganar aos veciños continuamente como están a facer”.