Nota de prensa
RAQUEL ARIAS DESTACA O IMPULSO OFRECIDO POLO ACTUAL EXECUTIVO PARA IMPULSAR ÁS PEMES E AOS EMPRENDEDORES, “UNHA DAS CHAVES PARA A RECUPERACIÓN ECONÓMICA”
A delegada territorial da Xunta clausurou hoxe a xornada sobre alternativas financieiras para as pemes, que reuniu no Pazo de Feiras de Lugo a representantes do ámbito empresarial, bancario e de distintas administracións
Lugo, 21 de decembro de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, clausurou hoxe a xornada sobre alternativas financieiras para as pemes que congregou en Lugo a 40 representantes do ámbito empresarial, bancario e de distintas administracións.
A máxima representante do Executivo galego destacou que, na situación económica actual, ante as dificultades das empresas para o financiamento tradicional, BIC Galicia e o Igape deben xogar un papel prioritario para difundir as novas alternativas de apoio económico para o sector empresarial.
Neste sentido, Arias fixo fincapé en que o actual Executivo galego “xa leva dado probas do seu compromiso co sector empresarial para o mantemento ou a creación de emprego”. “Durante a presente lexislatura, o soporte económico aportado para apoio ao tecido empresarial supera ao realizado nos 30 anos anteriores da historia da autonomía”, expuxo a delegada territorial.
No relativo específicamente a provincia de Lugo, Arias referiuse a que o apoio “para reforzar o tecido empresarial e o fomento do emprego, buscando a confluencia coas provincias atlánticas, ten nome dende hai máis de dous anos: Impulsa Lugo, un plan que recolleu a proposta dos axentes empresariais e sociais desta provincia e que está a ofrecer datos positivos”.
Así mesmo, Arias indicou que a Xunta de Galicia está actuando de xeito decidido “no apoio ao emprendemento”, posto que, como significou, “nos emprendedores está, en boa medida, a chave da recuperación económica”. Do mesmo xeito, salientou o compromiso do Goberno galego coa innovación e a internacionalización. “Sen innovación, non haberá competitividade da economía. E, en internacionalización, o actual Executivo galego multiplicou por tres as axudas que se prestaron”, aseverou.
Por último, a representante da Xunta aludiu tamén a relevancia que están a adquirir novas fórmulas de financiamento, que están a producir beneficios no ámbito das pemes. “Apostar por fórmulas innovadoras e imaxinativas como os business angels ou os crowfounding está a deparar resultados significativos e resultan tamén fórmulas de financiamento especialmente atractivas”, rematou.