Nota de prensa
A ÁREA DE DEPORTE DESTINA 630.000 EUROS EN AXUDAS A ENTIDADES DEPORTIVAS E A CONCELLOS EN 2012
Mario Outeiro afirmou que “se manteñen todas as liñas de axuda de convocatorias anteriores e, fronte aos recortes doutras institucións, mantense o mesmo orzamento que o ano pasado para as entidades deportivas, 500.000 euros”
Coas cifras desta convocatoria na man, Mario Outeiro afirmou que “a Deputación de Lugo é o sostén do deporte de base no conxunto da provincia”
Lugo, 23 de febreiro de 2012. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou hoxe no salón de actos do Pazo de San Marcos as bases da convocatoria das axudas en materia de deportes para este ano 2012, dirixido a entidades deportivas así como a concellos, para o que a Área de Deportes destinará, nesta ocasión, máis de 600.000 euros. Coas cifras desta convocatoria na man, Mario Outeiro afirmou que “a Deputación de Lugo é o sostén do deporte de base no conxunto da provincia”
As axudas ascenderán concretamente a 630.000 euros, dos cales 500.000, unha gran parte do orzamento e exactamente a mesma cifra que o ano pasado, irá destinado para as entidades deportivas da provincia, “que potencian a descentralización do deporte, fomentan actividades saudables no tempo de lecer, así como a creación de emprego e a dinamización económica” afirmou Mario Outeiro. Neste caso, as entidades poderán solicitar axudas para a actividade competitiva, ata un máximo de 8.000 euros, axudas para a organización de eventos deportivos, ata un máximo de 4.000 euros, e axudas para actividades deportivas non competitivas, ata un máximo de 8.000 euros.
Os 130.000 euros restantes serán para os concellos, dos cales 80.000 euros irán dirixidos a investimentos e adquisición de equipamentos, e 50.000 destinaranse para gastos correntes de promoción deportiva. No primeiro caso os concellos poderán solicitar ata 6.000 euros para investimentos, e ata 3.000 euros para equipamentos; e no segundo caso poderán solicitar ata 2.500 euros para a organización de eventos puntuais, e ata 5.000 euros para a organización de actividades ao longo do ano.
Mario Outeiro fixo fincapé en que “se seguen mantendo as liñas de axuda para deportes, non como ocorre noutras administracións, nomeadamente a Xunta de Galiza, onde este tipo de axudas desaparecen e onde non se fai un esforzo financeiro para manter as liñas de axuda para o tecido asociativo, mentres que nós si que facemos contas para que as entidades deportivas dispoñan da mesma cantidade orzamentaria”.
O delegado de Cultura e Turismo congratulouse pola “celeridade e o bo facer dos traballadores e traballadoras da Área de Deportes, xa que estas axudas resólvense na primavera, co que as entidades deportivas teñen tempo suficiente para programar as súas actividades, algo moi diferente co que ocorre coas convocatorias doutras administracións como a Xunta de Galiza, cando anteriormente desde esta institución se convocaban axudas deste tipo, xa que as eliminou en 2011”.
As bases desta convocatoria saíran publicadas no BOP o 1 de marzo, polo que as entidades e os concellos poderán solicitar este tipo de axudas deportivas no prazo dun mes empezando a contar a partir do día seguinte da súa publicación.