Nota de prensa:
A XUNTA CONCRETA UNHA PARTIDA DE PRETO DE 80.000 EUROS PARA A MELLORA DE EQUIPAMENTO EN TALLERES DA PROVINCIA DE LUGO
As achegas, concedidas pola Consellería de Economía e Industria a través do Plan Renove para o mantemento dos establecementos para reparación de vehículos, benefician a unha vintena de entidades
Lugo, 18 de marzo de 2012.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, achega unha partida económica de preto de 80.000 euros (79.863,78) a unha vintena de talleres de reparación de vehículos ubicados en distintos concellos da provincia de Lugo.
Estas axudas representan un importante apoio para a mellora destas empresas, ás que mediante este Plan Renove específico se lles facilita a realización de investimentos para a renovación das súas instalacións a través da modernización ou mellora do equipamento do que dispoñen.
Dentro desta liña de axudas, incluíanse como investimentos subvencionables, entre outros, as dotacións para equipamentos de diagnose, analizadores de gases, liñas pre ITV, sistemas para procesos de pintura, elevadores, equipamentos de soldadura e distintos sistemas de medición electrónicos.
No que respecta á comarca da Mariña, as catro entidades beneficiadas recibiron unha cantidade que suma un total de 18.307,54 euros. Mentres, no que atinxe á zona sur da provincia de Lugo, as entidades beneficiadas recibiron un total de 18.508,80 euros.
Polo que respecta, ás comarcas da zona centro da provincia, a dotación que perciben os talleres da devandita zona supón un investimento de 43.047,44 euros.
Esta actuación inscríbese na propósito do Executivo galego pola mellora destes establecementos e o reforzo do sector ao que pertencen, colaborando no incremento da calidade das súas dotacións para favorecer a disposición de instalacións máis modernizadas e competitivas.