ANTONIO VEIGA PARTICIPOU NA PRESENTACIÓN DA III BAIXADA EN KAIAK “RÍO OURO”
Esta cita deportiva, organizada por Xuvenalfoz vaise celebrar o vindeiro 29 de abril
Augúrase un gran número de participantes, pois polo momento xa hai máis de 150 inscritos
Lugo, 20 de abril de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou na tarde de hoxe, en Alfoz, na presentación da III Baixada en Kaiak “Río Ouro” que organiza Xuvenalfoz, e na que colabora a Área de Deporte da Deputación, ademais do Concello de Alfoz e a Xunta de Galiza. No acto de presentación tamén estiveron o presidente da organización, José Manuel Álvarez Iglesias e demais membros da mesma.
Esta III Baixada en Kaiak Río Ouro vaise celebrar o vindeiro domingo 29 de Abril, e todos aqueles que desexen participar poden inscribirse na tenda de Electrodomésticos Álvarez ou no teléfono: 982571250, ata o día 26 de abril. O prezo de inscrición por persoa é de 12 euros, e inclúe todo o material necesario para a realización desta actividade. Non se establece límite de idade, pero os menores que participen deberán estar sempre acompañados dun adulto responsable do mesmo.
Polo momento xa son máis de 150 os inscritos, e desde a organización esperan que este número se vexa incrementado nos días previos á baixada en Kaiak, pois “son moitos os que esperan ao último momento para anotarse. En anos anteriores a semana previa á actividade era cantas máis inscripcións se rexistraban” apuntou José Manuel Álvarez, presidente da organización.
Remitido