Cervo presenta as Xornadas de Balonmán que terán lugar o 17 de maio para fomentar este deporte entre a mocidade
-Poden participar rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos que desexen practicar balonmán
-As xornadas coincidirán coa celebración das Finais Provinciais Infantís de Balonmán
Cervo, 12 de maio de 2012-O Concello de Cervo deu a coñecer o programa das Xornadas de Balonmán que se desenvolverán o vindeiro 17 de maio no pavillón municipal da Veiga, coincidindo coa Final Provincial Infantil de Balonmán. Trátase dun conxunto de actividades dirixidas a rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos coas que o Concello, o Club Balonmán Viveiro, Deporte Galego e a Federación Galega de Balonmán queren fomentar a práctica deste deporte entre a mocidade.
As xornadas empezarán ás 11:00 horas, cando xogadores e técnicos do Club Balonmán Viveiro impartan xogos de prebalonmán a aqueles nenos e nenas en idades alevín e infantil que estean inscritos. As actividades seguirán pola tarde, a partir das 15:30 horas, con minibalonmán, no que participarán todos os inscritos así como os alevíns do Concello do Vicedo e os do Balonmán Viveiro. Ambas actividades son gratuítas e para poder participar é necesario inscribirse ata o 15 de maio na Casa da Cultura de San Ciprián ou na Casa do Concello de Cervo.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes José Ramón Soto e o representante do Club Balonmán Viveiro, José Ramón Rouco Molares participaron na presentación destas xornadas. Un acto no que tamén deron a coñecer as horas dos encontros da Final Provincial Infantil de Balonmán. O partido da final feminina será ás 17:00 horas e enfrontará ao Balonmán Viveiro co Acaluba Lugo. Unha hora máis tarde está previsto o inicio do encontro da final masculina entre o Balonmán Viveiro e o Acaluba Lugo. Ás 19:00 horas terá lugar a entrega de trofeos.
José Ramón Soto destacou a importancia de potenciar a práctica de deporte e exercicio entre a mocidade “e estas iniciativas son ideais para animar a rapaces e rapazas a iniciarse en deportes como o balonmán e así, ao mesmo tempo que se divirten, coñecen mellor esta disciplina”.