Jose Manuel Balseiro defenderá que Asturias, Cantabria e País Vasco, cuxos barcos participan na costeira estival, colaboren coa Xunta no gasto que supón o despregamento dos medios de apoio loxísitico
O GRUPO POPULAR PROPÓN QUE AS COMUNIDADES DO CANTÁBRICO ASUMAN O CUSTO DO OPERATIVO DE APOIO Á FLOTA EN PROPORCIÓN AO NÚMERO DE BUQUES QUE PARTICIPEN NA CAMPAÑA
Ata o de agora Galicia era a única comunidade autónoma que mobilizaba medios navais e áreos específicos pero que prestan asistencia ao conxunto da flota española.
Santiago, 16 de xuño de 2012.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, reiterou, a través dunha proposición non de lei presentada no Parlamento Galego, a necesidade de que as comunidades autónomas do Cantábrico cheguen a un acordo e asuman o custo do operativo de apoio á flota en proporción ao número de buques que participan na campaña estival de pesca deste túnido.
Ata o de agora, Galicia era a única administración autonómica que mobilizaba medios navais e aéreos específicos en apoio destas embarcacións de pesca e, polo tanto, asumía integramente o custe deste servizo, pese a que prestaba asistencia ao conxunto da flota española.
DOUS BUQUES E DOUS HELICÓPTEROS
O buque polivalente Irmáns García Nodal ou o buque remolcador Sebastián de Ocampo veñen acompañando a esta flota en alta mar e prestando a asistencia oportuna ante calquera incidencia. Xunto a iso, os helicópteros dos gardacostas galegos Pesca 1 e Pesca 2 (en especial este último) realizaban tamén tarefas de apoio durante o espazo de tempo no que a flota está nas proximidades da costa galega.
A proposta dos populares galegos defende que Asturias, Cantabria e País Vasco, cuxas embarcacións pesqueiras participan nesta campaña veraniega, tamén colaboren coa Xunta no gasto que implica o despregamento dos medios de apoio loxístico. Dase a casualidade de que nos últimos anos o número de servizos de apoio a barcos procedentes doutras comunidades distintas á de Galicia era cada vez maior, pero o gasto ocasionado corría a cargo exclusivamente da facenda autonómica galega.
Balseiro xustifica esta petición na necesidade de incrementar as medidas de cooperación e colaboración entre comunidades autónomas nun momento de axustes orzamentarios, así como na conveniencia de garantir unha maior eficiencia no emprego destes recursos que ao fin e ao cabo aínda que son titularidade da Xunta axudan e asisten ao conxunto da flota.