O Goberno Provincial reforza o campo con 1,6 millóns de euros para emprego, oportunidades económicas e combater o abandono
– García Porto subliñou que “mentres Rajoy e Feijóo impoñen hoxe recortes antisociais e inxustos para saír da crise e castigando exclusivamente ós traballadores, nós poñemos en marcha 6 medidas para xerar riqueza e traballo, que distan moito das dos Gobernos do PP, que rexeitamos taxantemente”
– As medidas son: creación de empresas agropecuarias e forestais con formación e asesoramento gratuíto a 900 lugueses; potenciación da castaña; incremento de vendas e promoción de 300 produtos e negocios; contratación de 23 autónomos e PEMES para a roza da rede viaria provincial; impulso do ecoturismo con actividades de ocio-medioambiental; e cursos tecnolóxicos gratuítos e itinerantes
A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, avanzou este venres que a Xunta de Goberno de hoxe aprobou novas medidas coas que o Goberno Provincial reforza a súa aposta pola campo con 1,6 millóns de euros, procedentes na súa maioría dos fondos da Unión Europea, para crear emprego, novas oportunidades económicas e combater o despoboamento demográfico que sofre a provincia. García Porto subliñou que “mentres Rajoy e Feijóo impoñen hoxe recortes antisociais e inxustos para saír da crise, castigando exclusivamente ós traballadores da situación económica actual mentres premian ós grandes defraudares cunha Amnistía Fiscal e non piden nin un mínimo esforzo ás grandes fortunas, nós poñemos en marcha verdadeiras políticas de actuación para xerar riqueza e postos de traballo, aproveitando as condicións naturais de Lugo”.
García Porto destacou que son 6 as medidas acordadas na sesión de hoxe, as cales “distan moito das impostas por Rajoy e Feijóo, que rexeitamos taxantemente”. Trátanse de:
1º MEDIDA: Xeración de emprego no rural coa creación de novas empresas agropecuarias e forestais mediante asesoramento e formación gratuíta, práctica e especializada. A Xunta de Goberno acordou a contratación de cursos principalmente prácticos que recibirán sen custe algún un mínimo de 900 lucenses. As accións formativas poranse en marcha no outono, unha vez definido o contido e o número das mesmas que, segundo as previsións da institución luguesa, poderán acadar o medio cento. Desenvolveranse por toda a provincia. Concretamente, na zona norte terán lugar as xornadas sobre o sector forestal, xa que se tivo en conta que o 70% do territorio da Mariña é superficie arborada con máis de 92.300 hectáreas; na zona centro, nos Concellos que integran as Comarcas de Lugo, Terra Chá e A Fonsagrada, onde o número de explotacións gandeiras ronda as 1.000 por municipio, celebraranse as xornadas sobre gandeiría ecolóxica, convertendo a Granxa Gayoso Castro no seu centro de referencia; e na zona Sur, nas Comarcas de Chantada e Lemos, onde a superficie adicada ó cultivo é de entre o 30% e o 50%, situaranse os cursos de agricultura ecolóxica, facendo do Pazo de Tor a súa sede principal. Rematada a parte formativa, os beneficiados recibirán asesoramento, tamén a custe cero, para a creación dun mínimo de 15 novas entidades no rural sobre estes sectores, supoñendo novos postos de emprego.
Esta primeira medida de reforzo do campo enmárcase dentro do Plan Integral Agropecuario Forestal e conta cun orzamento de 600.000 euros, dos que 420.000 euros proceden dos fondos comunitarios de Lug02. “A Unión Europea estanos a permitir xerar riqueza en Lugo”. Hai que ter en conta que, segundo datos oficiais, hoxe só a industria forestal galega xera 20.000 empregos directos e 50.000 indirectos na súa maioría no rural, “onde está a materia prima”. O volume de negocio supera os 1.700 millóns de euros ó ano en Galicia. “Estes datos non deixan dúbida algunha de que, nunha provincia 100% rural coma a nosa, onde máis do 55% do seu territorio e zona natural, moita en estado de abandono ou con baixa rendibilidade, o impulso do campo e o seu aproveitamento sostible é a saída á crise económica”, remarcou.
2º MEDIDA: Máis emprego no rural e máis riqueza coa produción e comercialización da castaña. O organismo provincial renova o convenio de colaboración con Alibós para continuar co desenvolvemento dun proxecto pioneiro en España, que potencia a produción da castaña na provincia e a súa comercialización. Trátase dunha iniciativa posta en marcha en 2010 como un modelo de xestión do territorio sostible e cun gran potencial económico, que permitiu, polo de agora, xerar 13 novos postos de traballo directos no rural para a plantación de soutos e a recuperación 125 hectáreas de superficie cedidas en 7 municipios. Concretamente, en Antas de Ulla, Taboada, Monterroso, Guntín, Palas de Rei, Portomarín e Lugo. Este ano, acondicionaranse outras 100 hectáreas, o que suporá novos empregos non só para a plantación, senón tamén para o mantemento das 225 hectáreas que haberá en total a disposición deste proxecto. A medio prazo lograranse grandes beneficios económicos. En 15 anos, contarase cunha produción de 400 toneladas de castañas. Cando os soutos estén no seu máximo rendemento, en 25 anos, superanse as 800 toneladas. Hai que ter en conta que o 33% dos beneficios das colleitas serán para os propietarios das fincas e que as castañas comercializaranse, principalmente, no mercado internacional, onde acadan os mellores prezos.
A vicevoceira destacou que “na actualidade, a produción de castañas en Galicia é de 15.000 toneladas e a facturación de 20 millóns de euros. Lugo, malia as súas posibilidades, só concentra o 30% do total desta produción. Con este proxecto, para o que hoxe acordamos adicar 90.000 euros nesta anualidade, aumentaremos o volume de negocio en Lugo, ó tempo que creamos emprego no rural co aproveitamento sostible de superficies abandonadas”.
3º MEDIDA: Incremento de vendas e promoción de 300 produtos autóctonos e establecementos rurais, impulsando a autónomos e PEMES da provincia. A sesión aprobou a contratación dun programa de potenciación dos produtos Lugo Sabe e os negocios Lug02, as marcas de calidade da Deputación que, polo de agora, xa posúen 40 alimentos e 20 empresas turísticas luguesas e que, proximamente, mediante esta actuación, acadarán outros 125 produtos e 100 establecementos tamén da provincia. Con esta iniciativa, tamén se aumentarán os puntos de vendas na Comunidade dos alimentos Lugo Sabe, que hoxe son 14 en Lugo e A Coruña; crearanse novas rutas turísticas ambientais e gastronómicas, ademais de impulsar as existentes, reforzando os negocios Lug02; levaranse os produtos autóctonos a recoñecidas feiras e eventos; e ata se crearán novas mostras gastronómicas e turísticas.
O presuposto adicado a esta programación é de case 200.000 euros, dos que 140.000 euros son fondos da Unión Europea, tamén do Lug02. “Estamos convencidos de que amortizaremos este orzamento multiplicando os beneficios de autónomos e PEMES que, por exemplo, se adican á agricultura ecolóxica, un sector que xerou o ano pasado 10 millóns de euros, facendo que Lugo sexa a provincia galega que xera máis negocio neste sector. Ademais, segundo datos oficiais, os produtos e establecementos con marcas de calidade incrementaron os seus beneficios nun 5,4% en 2011. Isto quere dicir, que estamos polo bo camiño”, indicou.
4º MEDIDA: Mellora do contorno e das comunicacións no rural, potenciando a autónomos e PEMES da provincia. A sesión adxudicou traballos de roza e desbroce na totalidade de quilómetros que conforman a rede viaria provincial, uns 4.200 quilómetros, a 23 pequenas empresas luguesas, por valor de 561.001 euros. Nesta ocasión, a Deputación xestionará a totalidade dos traballos, facendo que arranquen a vindeira semana de xeito simultáneo en todos os Concellos da provincia co fin de que estén finalizados nun prazo máximo dun mes. Porto remarcou que “isto permítenos, por unha banda, realizar coa máxima celeridade estas actuacións, que son fundamentais para a seguridade vial, para a mellora das comunicacións no rural e para a prevención de incendios ante os recortes levados a cabo pola Xunta nesta materia. Ademais, potenciamos ós autónomos e PEMES coa contratación de decenas de empresas luguesas que actuarán por toda a provincia”.
5º MEDIDA: Impulso do ecoturismo no rural con actividades de ocio-medioambiental. Acordouse levar á Costa, ó Centro e á Montaña luguesa actividades lúdicas para dar conta das alternativas turísticas na provincia. Celebraranse novidosas prácticas deportivas e acuáticas este verán, e tamén o vindeiro, con Lugoteando. En dúas anualidades, achegaranse 45.200 euros, dos que 32.000 son fondos europeos de Lug02, ó programa medioambiental no que participaron máis de 2.000 persoas de diferentes puntos do país na edición pasada, xerando riqueza ó potenciar o turismo, un sector que representa o 30% do PIB de Lugo, e facendo fronte ó abandono do rural.
6º MEDIDA: Formación tecnolóxica e gratuíta para romper a fenda dixital no rural. “Conscientes de que o acceso ás novas tecnoloxías no rural aínda dista moito do das zonas urbanas e, polo tanto, o coñecemento das mesmas, reforzamos as actividades de sensibilización que tamén se están a levar a cabo mediante o Innova-TE ante a desidia da Xunta, administración galega con plenas competencias na materia que segue a pospoñer o acceso á banda longa”. Deste xeito, acordouse a realización doutros 30 cursos formativos a custe cero dirixidos ós cidadáns. Serán itinerantes, é dicir, levaranse polos Concellos segundo as demandas de veciños e asociacións, e algúns centraranse no In Lugo. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de 90.000 euros, dos que 80.000 euros son fondos europeos do Plan Avanza, arrancará en setembro e prolongarase ata finais de ano. Estas accións formativas engádense ás 100 xa celebradas, nas que participaron 1.000 persoas, así como as que, proximamente, a institución provincial ofrecerá ás PEMES.

























Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.



