O sábado 28 de xullo, celebramos en Foz a 4 Festa da Inmigración, onde
inmigrantes de catro países diferentes residentes en Foz, realizaron algúns
dos pratos típicos de Colombia, Perú, República Dominicana e Brasil.
Duascentas persoas puideron degustar Coxinhas e pastelzinhos de carne
-típicos de Brasil-, moro de guandules con coco e polloo con guasacaca
-típicos da República Dominicana-, seco de pollo -típico de Perú- e sancocho
costeño -típico de Colombia-.
Ademais de preparar e servir os seus pratos, as persoas inmigrantes
adornaron os seus stands con detalles dos seus países, enviados polas súas
familias para que todos/as os/as asistentes puideran coñecer un pouco máis
as súas culturas. Á vez, proxectouse un vídeo que percorría cada un destes
países, deténdose nas zonas de procedencia de cada unha das persoas que
participaron nesta Festa. A música tamén estivo presente durante todo o
evento, ambientándoa con carimbós, bachatas, merengues, negroides ou
vallenatos, e ao final, cando as persoas organizadoras ofreceron unha
demostración dos seus bailes típicos sobre o escenario.
Ao finalizar o acto, o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, e a concelleira de
Emigración, Mercedes González Alonso, tamén subiron ao escenario para
agradecer a colaboración totalmente desinteresada destas persoas, que
fixeron desta festa un gran éxito.