O PAI despide o curso coa entrega de diplomas, orlas, agasallos e unha comida na Atalaia
-Alumnado, pais, nais e profesoras gozaron dun día de encontro e diversión
Cervo, 30 de xullo de 2012-O alumnado do primeiro ciclo de educación infantil que se impartiu no Punto de Atención á Infancia de San Ciprián, así como pais, nais e profesoras, clausuraron esta fin de semana o curso 2011-2012 que remata este martes. A edil Yolanda Pedreira acudiu en representación do Concello.
O acto comezou ás 12:00 horas na Casa da Cultura de San Ciprián, onde os maiores, os nenos e nenas de 3 anos, recibiron un diploma e unha orla con motivo da súa despedida do PAI e a súa inminente entrada no colexio. Para iso, os cativos ían vestidos para a ocasión, con barrete e toga, ao estilo dos actos de graduación americanos.
Os pequenos, de 0 a 1 ano, tamén ían ataviados con indumentaria específica, no seu caso indicando que se atopan en iniciación e perfeccionamento, mentres os de 2 anos facían ver nas súas camisetas que xa están no paso de ecuador. Todos eles, incluídos os maiores, foron obsequiados cun libro.
A festa trasladouse despois ata a Atalaia, onde pequenos, pais, nais e profesoras gozaron dun xantar ao aire libre, que incluía pancetada, chorizada, tortilla e croquetas. Ao remate, os nenos e nenas pasaron a tarde entretidos, xogando cos compañeiros. Uns actos que foron posibles grazas á iniciativa de pais e nais coa colaboración do Concello.
Neste curso acudiron ao PAI de San Ciprián un total de 23 nenos e nenas, que iniciaron unha aprendizaxe que terá a súa continuación no segundo ciclo de educación infantil.