ECONOMÍA E INDUSTRIA CONTRIBÚE AO AFORRO DE 65 MILLÓNS DE EUROS ANUAIS A TRAVÉS DO PROGRAMA DE ACCIÓNS PARA A EFICIENCIA ENERXÉTICA
O transporte é o sector con mellores rateos de aforro enerxético, cun 41% do total, o que permitiu unha diminución de custos de case 40 millóns de euros anuais
A actuacións desenvolvidas na industria da edificación e do equipamento doméstico beneficiaron a máis de 135.000 familias galegas que puideron mellorar a eficiencia enerxética das súas vivendas
Os concellos galegos suman 429 proxectos de eficiencia enerxética en iluminación pública e máis de medio cento de auditorías enerxéticas nos últimos tres anos
Con respecto á industria, desenvolvéronse 168 proxectos de aforro e eficiencia enerxética e preto de 200 auditorías e estudos de viabilidade para mellorar a súa competitividade
Coa posta en marcha destes programas estase a evitar a emisión a atmosfera de 215.000 toneladas de CO2 cada ano
Santiago, 27 de agosto de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a contribuír ao aforro de 65 millóns de euros anuais como resultado das actuacións de aforro e eficiencia enerxética promovidas nos últimos tres anos. Así o deu a coñecer hoxe, en rolda de prensa, o director do Inega, Eliseo Diéguez García: “O aforro enerxético é un dos piares básicos da política enerxética da Xunta de Galicia. As actuacións que temos desenvolvido nesta lexislatura abranguen todos os sectores da economía galega, e permiten, a día de hoxe, un aforro enerxético anual próximo ás 85.000 toneladas equivalentes de petróleo, o que se traduce nun aforro económico anual de 65 millóns de euros”.
Así mesmo, e como destacou Diéguez, compre salientar, tamén, o importante beneficio ambiental que se derivou de todo o programa de accións: “Para o desenvolvemento deste plan, a Consellería leva investidos preto de 60 millóns de euros nos últimos tres anos, que, ao marxe da evidente mellora na competitividade dos sectores, traducida en importantes aforros económicos, supón tamén unha notable repercusión ambiental. En total, o programa de accións está a evitar nestes momentos a emisión á atmosfera de preto de 215.000 toneladas de CO2”.
Por sectores, o transporte é onde se obtiveron as mellores rateos de aforro enerxético, cun 41% do total, o que permite unha diminución de custos nesta industria de case 40 millóns de euros por exercicio. Neste ámbito téñense desenvolvido numerosos plans de transporte en empresas e centros de traballo que perseguen diminuír o consumo de enerxía dos traballadores. A execución de plans de mobilidade urbana sustentable, o desenvolvemento de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, as actuacións para a mellora de xestión de flotas do transporte por estrada, ou o fomento do emprego da bicicleta nos municipios galegos son outras das accións promovidas.
A continuación, sitúanse as actuacións realizadas no eido da edificación e do equipamento doméstico, que acaparan un 24% do total de aforro enerxético obtido, e que alcanzaron a máis de 135.000 familias galegas cun beneficio económico anual superior aos 10 millóns de euros. Desenvolvéronse aquí proxectos de rehabilitación da envolvente térmica en vivendas e edificios así como distintos plans Renove como o de fiestras, o de Equipos de Climatización ou de Iluminación Interior. Ademais, leváronse a cabo proxectos de mellora das instalacións térmicas en máis de dous centenares de vivendas da comunidade, promocionouse a certificación enerxética de edificios e executáronse máis de 2.000 inspeccións de eficiencia enerxética.
Pola súa banda, os servizos públicos sumaron o 22% do aforro enerxético do total do programa de actuacións. Destaca neste campo a execución de 429 proxectos de eficiencia enerxética en iluminación pública en concellos galegos. Ademais, realizáronse máis de medio cento de auditorías enerxéticas municipais e formouse a 200 técnicos na xestión enerxética dos concellos. A través destas actuación acádase un aforro económico de 8 millóns de euros por exercicio.
Por último, o sector industrial e primario obtivo un 13% do aforro enerxético grazas a realización de 168 proxectos de aforro e eficiencia enerxética ou de preto de 200 auditorías e estudos de viabilidade. O aforro económico nesta área ascende ata os cinco millóns de euros anuais.