A Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela (AABB), quere facer público o acordo tomado en Asemblea Xeral Extraordinaria, celebrada o pasado 19 de outubro.
O día 17 de outubro de 2011, foi denunciado polo Concello de Burela o “Convenio de Colaboración para promoción da Banda de Burela”, subscrito o 24 de decembro de 2009 entre o propio Concello e a Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela (AABB no sucesivo), indicando na citada DENUNCIA que “se fai necesario proceder á modificación do Convenio”.
O 15 de decembro de 2011, tras reunirse co Concello de Burela, a AABB presenta unha nova proposta de Convenio de Colaboración na que se establecían uns puntos mínimos que entendíamos fundamentais para a viabilidade da Banda.
Despois da celebración de diversos encontros e reunións entre ámbalas partes (Concello e Asociación), o Concello de Burela non emitiu ningún tipo de valoración nin a favor nin en contra desta proposta presentada pola AABB. Tampouco se formularon enmendas de modificación, supresión ou engádega a este documento nin tampouco se presentou un documento alternativo.
Tras 1 ano demandando unha solución á delicada situación da banda e sen termos resposta algunha por parte do Concello de Burela, os socios e socias da AABB, reunidos en Asemblea Xeral celebrada o pasado 19 de outubro, acordamos por unanimidade solicitar ao Concello de Burela unha resposta urxente e definitiva ao mencionado Convenio.