A Xunta de Goberno licitou por máis de 250.000€ un novo proxecto para mellorar a totalidade da vía LU-P-6305, do Valadouro; e adxudicou por preto de 450.000€ obras na LU-P-5204, de Ribadeo; e en varias vías do municipio de Foz
Lugo, 31 de xullo de 2026. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un paquete de investimentos próximo aos 700.000 euros destinado a reforzar a mobilidade e a seguridade viaria na comarca da Mariña. As actuacións inclúen obras en nove estradas provinciais e responden ás demandas trasladadas polos representantes socialistas dos concellos afectados.
Melloras integrais na LU-P-6305 de O Valadouro
No Valadouro, a Deputación licitou a rehabilitación completa da estrada provincial LU-P-6305, que comunica O Campo co reemisor de RTVE no Cadramón. O proxecto, cun orzamento de 256.862,35 euros, abrangue preto de seis quilómetros —entre os puntos quilométricos 0+000 e 5+593— e contará cun prazo de execución de catro meses.
As obras inclúen a reapertura de cunetas, reparación de danos, repavimentación do firme e renovación da sinalización vertical.
A voceira socialista, María Xosé Barreira, destacou que esta intervención foi unha das prioridades trasladadas á presidenta da Deputación, Carmela López, nunha reunión para analizar o estado da rede viaria provincial. “É unha actuación moi necesaria para as veciñas e veciños do Valadouro e evidencia o compromiso da Deputación coa mellora das infraestruturas do rural”, afirmou. Barreira subliñou tamén o compromiso do ente provincial para acometer o arranxo dun derrubamento recente e avanzar na mellora doutros puntos críticos da vía.
Actuacións en Ribadeo: rehabilitación da LU-P-5204
En Ribadeo, a Deputación aprobou a licitación das obras de mellora da estrada LU-P-5204, que comunica Cedofeita, Arante e Regocorto, cun investimento de 193.963 euros. A actuación abranguerá máis de tres quilómetros —entre os puntos quilométricos 3+600 e 6+770— e terá tamén un prazo de execución de catro meses.
Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, limpeza da drenaxe, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal.
O PSdeG de Ribadeo valorou positivamente esta decisión, salientando que responde a unha demanda trasladada á Deputación. “Esta adxudicación demostra que escoitar á veciñanza e trasladar as súas necesidades dá resultados concretos”, sinalan. A mellora permitirá reforzar a seguridade viaria e renovar unha vía clave que enlaza Cedofeita coa LU-P-5203 e continúa por Arante ata Regocorto, onde conecta coa LU-132.
Foz: melloras en sete estradas costeiras
Finalmente, en Foz, a Deputación adxudicou á empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU un proxecto de 247.396,60 euros para actuar en sete estradas provinciais: LU-P-2001, LU-P-2002, LU-P-2006, LU-P-2007, LU-P-2009, LU-P-2011 e LU-P-2013.
Estas vías conectan núcleos costeiros, zonas residenciais e accesos a praias como Llas e Arealonga, polo que as melloras reforzarán a seguridade viaria nunha das áreas de maior afluencia turística da Mariña.
As obras inclúen limpeza de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente, sinalización horizontal e a ampliación da beirarrúa na rúa Eduardo Pondal, para mellorar a seguridade peonil na contorna do centro escolar.
A voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, destacou que estes arranxos “permitirán mellorar vías fundamentais para a mobilidade do municipio e para o acceso ás zonas turísticas do litoral focense”.
Convenio con A Fonsagrada
A Xunta de Goberno aprobou tamén un convenio co Concello da Fonsagrada por 250.000 euros, destinado ao mantemento de vías e equipamentos municipais, así como ao impulso de actividades culturais, deportivas e de promoción turística.


















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



