A Xunta obriga aos Concellos a pagar 20.000 euros máis por cada axente de emprego, co risco de que 30 sexan despedidos
A Deputación afirma que a Xunta obriga aos concellos a pagar 20 mil euros máis por axente de emprego, co risco de que 30 sexan despedidos
– O Goberno provincial denuncia o “brutal recorte” das axudas para contratar a estes profesionais, que pasa de 6 a 2,2 millóns de euros, e que a porcentaxe subvencionada por contrato caia dun 80 a entre un 25 e un 35%
– Este novo “axuste duro súmase ós que veñen perpetrando Rajoy e Feijóo en políticas activas de emprego, dun 56% en 2012 e outro 34% para 2013. Abarataron o despido, baixaron as prestacións por desemprego… unha tormenta perfecta que só crea paro”
– Martínez destaca que hai “outra maneira de facelas cousas, como demostra dende hai 5 anos a Deputación. Só dos programa de emprego que hoxe temos en marcha benefícianse 1.300 persoas, que melloran a custe cero as súas posibilidades de atopar traballo”
O Goberno provincial denuncia o “brutal recorte” das axudas da Xunta de Galicia para contratar axentes de emprego e desenvolvemento local, que obrigará ós Concellos a pagar unha media de 20.000 euros máis por cada un destes profesionais, co risco de que uns 30 queden na rúa na provincia de Lugo, reducíndose deste xeito á metade os contratados no último ano. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, subliñou na rolda de prensa ofrecida trala Xunta de Goberno deste venres, que, “de vir destinando dende 2009 cantidades que andaban polos 6 millóns de euros, neste 2012 baixan, de golpe, a 2,2 millóns de euros, un 63% menos”.
Ademais, o Goberno de Feijóo, engadiu Martínez, impón condicións moito máis restritivas para acceder ás subvencións, “asfixiando aínda máis ós pequenos Concellos”: Se ben ata 2011 a Xunta subvencionaba ata o 80% do custe dos contratos, con un límite máximo de 22.705 euros cada un, este ano, por primeira vez, reduce ata un 25% a axuda que como máximo lles outorga, no caso dos Concellos con menos de 500 parados; e ata un 35%, no caso daqueles que teñen máis de 500 desempregados. Hai unha terceira opción: alomenos tres Concellos limítrofes con menos de 500 parados poden asociarse para presentar unha solicitude conxunta, e así recibir ata o 80% do importe dos contratos.
O Voceiro provincial advertiu de que, co recorte de fondos e as condicións máis restritivas das axudas, “Feijóo, xa non é que non cree emprego, é que o destrúe, pois os Concellos e a propia Deputación pasarán de achegar uns 9.000 euros por cada contrato de axente de emprego, a ter que asumir, como mínimo, uns 30.000 euros, é dicir, 20.000 euros máis. Moitos Concellos -sobre todo os máis pequenos, os de menos de 500 parados, que na provincia de Lugo son todos menos 9-, non poderán facer fronte a semellante custe”.
Polo tanto, na práctica, asegurou Martínez, “quédanlles dúas opcións: ou ben renunciar a esa axuda porque non teñen recursos económicos suficientes para pagar a parte que lles corresponde dos contratos, ou ben asociarse con outros Concellos limítrofes para poder contar con un axente de emprego. Pero tamén así saen perdendo, porque, en vez de contar con un destes profesionais propio, terán soamente un para os tres Concellos. é dicir, empeórase o servizo e dous axentes de emprego vanse á rúa”.
Máis de 30 despidos
O Deputado explicou que, no suposto de que os 52 Concellos lucenses de menos de 500 parados que veñen recibindo estas axudas se asociasen de tres en tres para poder dispoñer de novo das subvencións, “poderíanse ir á rúa máis de 30 persoas, reducíndose á metade o número de axentes de emprego do pasado ano na provincia, no que se contrataron 63”.
Martínez fixo estas declaracións coincidindo coa aprobación na Xunta de Goberno de hoxe dunha axuda de 31.438,88 euros ó abeiro da orde da Consellería de Traballo pola que convoca subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local. A subvención está destinada a financiar a prórroga dun contrato que xa existe dende o ano 2006 no organismo provincial e a creación doutro novo.
“Recortes ideolóxicos”
A redución dos fondos para contratar axentes de emprego, argumentou Manuel Martínez, é un “novo axuste duro do Goberno galego que se suma ós recortes que veñen perpetrando Rajoy e Feijóo en políticas activas de emprego, xusto cando máis se necesitan. Non queren darse conta de que, se non creamos emprego, é totalmente imposible que a economía se recupere e este país volva a medrar”. Neste senso, lembrou que o Executivo central “recortou un 56% os fondos destinados a políticas activas de emprego e os Presupostos Xerais do Estado de 2013 contemplan outro brutal tixereitazo dun 34,6%; abaratarou o despido; reduciu a prestación por desemprego…, unha tormenta perfecta que o único que provoca é máis paro. No último ano en Lugo subiu un 13%, hasta chegar ás 25.239 persoas nas listas do INEM. E no conxunto de Galicia, temos o mesmo número de ocupados que hai 10 anos”.
O voceiro socialista cualificou de “ideolóxicos” os recortes de Feijóo e Rajoy, como demostra unhas recentes declaracións da Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, “nas que dixo, literalmente, que “as políticas activas de emprego non crean nin un só posto de traballo”.
“Hai outra forma de facelas cousas”
Na Deputación, destacou o voceiro provincial, “estamos demostrando dende hai 5 anos que se poden facer as cousas doutra maneira, que se poden facer axustes combinados con políticas de crecemento para xerar riqueza e fixar poboación. Aínda que non temos a competencia directa nas políticas activas de emprego, puxemos en marcha numerosas iniciativas para abrir oportunidades laborais ós lucenses no paro e fortalecer o noso tecido empresarial apostando, ademais, polos xacementos de emprego da nosa provincia: o medio ambiente, a atención sociosanitaria e as novas tecnoloxías”.
Soamente dos programas de emprego que a día de hoxe ten en marcha o organismo provincial, benefícianse máis de 1.300 persoas, que reciben, a custe cero, formación práctica para mellorar as súas posibilidades de atopar traballo ou montar a súa propia empresa. Trátase do Pacto Provincial polo Emprego, con 340 beneficiarios que se están a formar nas profesións con máis futuro; o Plan Integral Agropecuario Forestal, que dará formación para crear unha empresa e profesionalizar estes sectores; e as becas Leonardo da Vinci, grazas ás que 70 mozos titulados pola Universidade e en FP farán prácticas en empresas de Europa.
“A pesar do que diga a Conselleira Mato, as políticas activas de emprego dan resultado. Os nosos son bos”, indicou Manuel Martínez, referíndose ó “Plan Lugo Emprega, que deu traballo a 711 persoas; máis de 100 dos participantes na primeira fase do Pacto Provincial polo Emprego seguiron traballando; e as becas medioambientais Lug02 tiveron unha inserción laboral do 50%”. “Mentres a Deputación crea emprego, Rajoy e Feijóo, destrúeno”, apuntou o Deputado.






















Actuarán Carlos Ares, Celia Becks, Futuro Alcalde e Alcalá Norte, e o sábado será a quenda de La M.O.D.A., Ángel Stanich, Puño Dragón e Repion. López destacou o impacto económico do festival, cun retorno estimado dun millón de euros, mentres que Rouco subliñou a súa importancia turística e a achega municipal de 120.000 €.
O evento celebrarase este sábado 25, de abril, na capital lucense. Durante a xornada matinal, o alumnado asistirá a clases impartidas por profesionais de distintas disciplinas, tanto do ámbito da danza clásica como da moderna. Pola tarde, ás 19:30 horas, o grupo da EMMeD subirá ao escenario do Auditorio Gustavo Freire xunto aos demais centros convidados, nunha actuación que servirá como peche desta xornada de convivencia e intercambio artístico.
Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.



